NovasIr a esta sección

A punto de celebrar a 52 Feira do Xamón, A Cañiza lembra aos seus organizadores
Data de publicación: 09 de agosto de 2018

HISTORIA, LEMBRANZAS E AGRADECEMENTOS

52 Festa- Feira do Xamón de A Cañiza. 15 de agosto 2018

Nesta Vila de A Cañiza xa existía unha forte e arraigada tradición xamoneira, vinda a máis cos anos pero que na época da guerra civil e post-guerra foi a que permitiu sobrevivir a moitos cañicenses. O seu especial microclima, seco e frío á vez, único en Galicia, permitía que os xamóns se curarán de forma extraordinaria permitindo que alcanzasen o grao de curación óptimo para a venda.  Estes aires de media montaña evitaban que se rompese a cadea de curación e por tanto se estragaran os xamóns (temor que angustiaba ás empobrecidas familias de entón que vían como podíanse perder os poucos ingresos anuais que entraban nas casas). 

 

Os aires de A Cañiza tiñan e teñen o clima, temperatura e humidade perfectos para lograr o curado dos mellores xamóns e disto sabían moito os expertos tratantes de Dacón, Carballiño e Maside que percorrían Ourense e Pontevedra para adquirir os mellores produtos para logo vendelos nas feiras de Zamora, A Gudiña, León... A Cañiza estaba entre os seus mellores vendedores. A trasfega de xamón entre A Cañiza e Ourense era diario. Estes tratantes sabían que en A Cañiza os xamóns non se estragaban e estaban considerados como os de mellor calidade.

E esta tradición xamoneira, baseada tamén no arte de preparar as pezas con paciencia e sabiduría transmitida de pais a fillos,  soubérona explotar ben os comerciantes e restauradores de A Cañiza que introduciron este produto nos seus menús como prato principal.

Co tempo e aproveitando o paso da estrada Nacional 120 polo centro do núcleo urbano, estes agudos empresarios empezaron a promocionar a venda do bocadillo de xamón, un suculento e rápido aperitivo que apenas necesitaba 2 minutos de preparación. 

Don Manuel Pérez López, coñecido como “Xatomé”,  foi o precursor de todos os establecementos que no futuro se instalarían á beira da estrada nacional. Propietario do Café  Bar Restaurante e Ultramarinos Xatomé e do Café Teatro Bar Lisboa, foi o pioneiro e promotor da venda do Xamón de A Cañiza e conseguiu converter o bocadillo de xamón en algo case obrigado para todas aquelas persoas que facían un alto no seu camino en A Cañiza para descansar.  Natural do barrio de Leboriz, con so 13 anos de idade emigrou ás Azores e despois a Brasil  onde conseguiu aforrar os cartos que lle permitirían volver á súa terra natal para cumprir o seu soño: abrir o seu establecemento. No ano 1927 abre a súas portas “Xatomé” e “Lisboa”.

Aquí, con Manuel “Xatomé”, aprenderon o oficio da hostelería e da compra- venta de xamóns os mozos da Vila que no futuro se converterían en recoñecidos propietarios de restaurantes e xamonerías e que aínda hoxe gozan de gran prestixio.  A principios do século XX neste complexo hosteleiro xa traballaban 15 familias. O negocio era un referente en toda a comarca e tamén del sabían os xamoneiros de Ourense. Vendíanse máis de 1800 pezas enteiras ao ano ademáis do despachado no propio negocio.

Naqueles difíciles anos da II República, guerra Civil, post-guerra e da dictadura, Manuel axudou a moitos labregos de A Cañiza comprándolles os xamóns  ou “trocando” as pezas por alimentos dispensados en “cartuchos”, xa que él tamén contaba coa tenda de ultramarinos.

A Cañiza empezou a crecer da man de “Xatomé” que nos  deixou con 94 anos, traballando ata o último día con ilusión e tesón.

Por iso,  o noso primeiro recoñecemento queremos que o reciba este gran empresario. Para él e extensivo aos seus familiares queremos enviar o noso primeiro agradecemento neste capítulo de lembranzas.

Outro dos comerciantes que sen dúbida deixou pegada na nosa tradición gastronómica foi Don Antonio Fidalgo Pedrosa, quen,  co seu pequeno bar situado na rúa Oriente (hoxe xa desaparecido) foi unha das persoas que máis contribuíu a ensalzar a calidade deste produto. Aprendeu o oficio da man de Manuel Xatomé.  Fidalgo, foi tamén fillo da emigración. De moi novo voltou de Brasil por problemas de saude para quedarse en A Cañiza e comezou a traballar de camarero no Bar Xatomé e no Bar Lisboa. Aquí aprendeu o oficio de xamoneiro. Fidalgo tiña un don para apreciar os bos xamóns: un olfato infalible que xunto coa súa “cala” foron os seus principais instrumentos de traballo. Na bodega do seu bar chegaron a almacenarse máis de 200 pezas que coidaba con esmero e que compraba aos veciños da Vila e dos seus arredores para logo vendelos no Bar. De aquí viaxaban moitas pezas para a capital e tamén para o estranxeiro.

É de recibo recoñecer a boa fe e a ética e profesionalidade destes dous empresarios que, en certo modo, limparon a imaxe que tiñan os xamoneiros foráneos que viñan ás feiras dos días 6 e 20 e que coas súas trampas conseguían levar as boas pezas de xamón a baixo prezo utilizando o truco das dúas catas.

Cando xa estaba instaurada a tradición de parar en A Cañiza para degustar o seu afamado bocadillo de xamón, empezou a xerminar a idea de crear unha Festa con esencia de Feira.

O proxecto xurdiu dun grupo de veciños e comerciantes do pobo que consideraron oportuno organizar unha festa gastronómica coa dobre finalidade de dar a coñecer o noso mellor produto atraendo a turistas e visitantes. Por aquela época estaba moi de moda a organización deste tipo de eventos.  Entre os anos 60 e 70 do século XX naceron case todas as festas gastronómicas de Galicia que hoxe coñecemos. Estas eran o reclamo perfecto para conseguir que os potenciais turistas visitasen as zonas e coñecesen a súa gastronomía e polo tanto a súa cultura, costumes e porqué non, o seu comercio local e tecido empresarial.  A idea funcionou en toda Galicia e con notable éxito en A Cañiza.

A Corporación Municipal de entón, presidida por don Antonio Romero Pacheco recolleu estas inquietudes e propuxo aprobar esta iniciativa veciñal: a celebración dunha festa gastronómica que pasaría a denominarse “Festa - Feira do Xamón de A Cañiza”.

A primeira Comisión de Festas do Xamón creouse no ano 1967. O seu primeiro presidente foi Don Mauricio Troncoso Castro, Concelleiro de Cultura daqueles anos que xunto con Don Tirso Pérez Gómez, Don Emilio Bacelar Queimadelos, Don Alejandro Pacheco e Don Pedro Martínez Míguez  e outros voluntarios conseguiron en apenas tres meses celebrar a primeira edición.

 

Vaia tamén o noso agradecemento e especial recordo aos fundadores desta festa que hoxe goza de prestixio en toda a nosa Comunidade Autónoma. Sen as súas ideas e a súa vontade hoxe non poderiamos gozar desta festa única en Galicia.

No ano 1975 Don César J. Mera Rodríguez tomou as rendas do seu antecesor na Alcaldía. A festa xa levaba 9 anos de andaina pero aínda era un evento que se estaba consolidando. A partir deste momento baixo as rendas do novo Alcalde a festa conseguiu alcanzar o seu máximo apoxeo. Ano tras ano foi conseguindo superar os records de asistencia de edicións anteriores. Tamén tivo que adaptarse ás novas fórmulas de organización deste tipo de eventos para ofrecer hospitalidade e calidade ao mesmo tempo. Durante os 35 anos de goberno Don César Mera deixou o listón no máis alto en canto ás celebracións gastronómicas refírese. Contaba co apoio dos empresarios do sector e do persoal do Concello para a organización deste evento pero tamén a colaboración veciñal foi determinante nos éxitos alcanzados.

 

Neste capítulo de agradecementos queremos mencionar con especial agarimo a este Alcalde sen cuxo traballo a Feira do Xamón non podería traspasar as barreiras locais nin afianzarse como un dos eventos de maior proxección en toda Galicia. 

No ano 2011 o actual Alcalde D. Miguel A. Domínguez Alfonso tomou o relevo na organización da festa. Pero expúñase un problema. Don César Mera levara a festa a cotas de asistencia e fama tan elevadas que o emprazamento de sempre volvíase pequeno e inapropiado para poder continuar celebrando a Feira. Fíxose necesario cambiar o escenario. Para iso desprazouse a Feira á céntrica e centenaria Carballeira do Cacharado, situada a 200 metros do acceso á Autovía A52 e en pleno centro urbano. Este novo lugar reunía todas as condicións. Non só multiplicou por seis a capacidade da Praza Maior (con apenas 1000 m2) onde ata entón celebrábase a festa, senón que dispoñía de todos os servizos, zonas de sombra e sol ademais de achegar ao evento o ambiente enxebre que lle faltaba. Neste recinto a principios do século XX celebrábanse xa as feiras de gando, por iso ¡Qué mellor que volver ás orixes!.

E así en 2013 a Xunta de Galicia declarou a feira como Festa de Galicia de interese turístico por reunir todos os requisitos para tal designación.

Neste punto tamén queremos agradecer o apoio inestimable da Xunta de Galicia e da Directora da Axencia Galega de Turismo, sempre presentes nas nosas celebracións. As súas  aportacións contribuiron a poder organizar uns festexos de calidade.

Esta é a historia resumida da nosa Feira.

Un acontecemento do que presumimos todos os que nos chamamos cañicenses.

Unha festa que non sería posible sen as achegas de todos estes homes e mulleres que durante 52 anos apoiaron e promocionaron a festa co único interese de que A Cañiza conseguise facerse un oco nos recordos de todos os que nos visitaron.

E nese obxectivo continuaremos traballando.

A todos grazas de novo.

compartir

axenda