NovasIr a esta sección

Abre o Parque Balneario das 'Augas Férreas'
Data de publicación: 06 de agosto de 2020

O sábado 8 de agosto, ás 10 da noite, inaugurarase oficialmente coa celebración dun recital de guitarra ao aire libre da man dos músicos Xosé Antonio Rodríguez e Antía Muiños.

O PARQUE-BALNEARIO “DAS AUGAS FÉRREAS” ABRE AS SÚAS PORTAS COMO ESPAZO NATURAL DESPOIS DA SINATURA DUN CONTRATO ENTRE O SEU PROPIETARIO E O CONCELLO POLO QUE SE CEDE A SÚA EXPLOTACIÓN GRATUITAMENTE DURANTE 4 ANOS.

Nos 15.500  m2 de superficie do parque, o concello deseñou un percorrido sinalizado polo frondoso bosque autóctono, recuperou o manancial de “augas de beber” e instalou mobiliario para mellorar a calidade do servizo.

Cun edificio central de utilización pública, onde no futuro poderanse realizar exposicións, esta instalación e o parque natural ofrecen aos veciños un lugar tranquilo, saudable e con identidade para poder pasar unha xornada en familia a menos de 1 km do centro urbano.

 

 

HISTORIA DO BALNEARIO DAS AUGAS FÉRREAS.

 

Trátase dunha leira histórica, cun pasado ligado ás augas  oligometálicas, medicinais, que propiciaron alá polo ano 1863 que centos de  cañicenses acudisen a este emprazamento para tomar as augas “de beber”, cuxos compoñentes activos eran dun gran valor terapéutico principalmente pola súa acción diurética.

 

O informe  Hidrología Médica de Galicia, recolle nun dos seus parágrafos a existencia xa no  ano 1863 destas augas “…ás que acudían ao ano un centenar de veciños da Vila. As augas non eran  carbonatadas pero si moi beneficiosas para combater as  debilidades,  atonía e neuroses do estómago, as dixestións difíciles,  gastralgia, dispepsia,  clorosis…” no lugar coñecido como “Augas Férreas”.

 

A súa prosperidade viuse afectada por situarse a pouca distancia dos acreditados balnearios de Cortegada e Mondariz. As súas augas utilizáronse como bebida no balneario que deixou de funcionar nos anos 30.

 

compartir

axenda