NovasIr a esta sección

O Concello celebra coa súa veciña Dona Hortensia Rodríguez Barcia o seu 100 aniversario
Data de publicación: 05 de novembro de 2016

Veciña do lugar de Randufe, na parroquia de Achas, celebrará o seu aniversario este sábado rodeada de familiares e amigos.

Rodeada de todos os seus veciños e en compañía dos seus dous fillos e da súa familia, Hortensia celebrará este sábado o seu 100 aniversario aínda que ela xa cumpliu anos o pasado 3 de novembro. O Alcalde de A Cañiza, Miguel Domínguez, que tamén está convidado a esta celebración, renderalle en nome de todos os cañicenses un entrañable e merecido homenaxe para agradecerlle a súa conduta exemplar e cívica como veciña e amiga.

Hortensia Rodríguez Barcia naceu no lugar de Randufe- Achas, o 3 de novembro de 1916 no seo dunha familia humilde e traballadora. Foi a última de 5 irmáns e esta circunstancia obrigouna a permanecer sempre na aldea para coidar dos seus pais. Traballou duramente no campo e nos montes e sufriu as penurias da guerra civil e dos difíciles anos da postguerra.

Cóntanos que foi ao colexio soamente durante 8 meses pero que sabe ler, sumar, multiplicar e dividir perfectamente porque o traballo e as obrigas do campo e da casa impedíronlle estudar pero o seu interese por aprender converteuna nunha autodidacta anos máis tarde. A súa prodixiosa memoria permítelle lembrar aínda o contido dos seus libros do colexio.

Nai de dous fillos, Leonardo e Carolina, nunca saíu do seu fogar, con excepción dunha viaxe a Lisboa para contraer matrimonio aos 25 anos de idade. 9 meses despois regresou a Randufe. O seu marido sempre permaneceu en Lisboa, con excepción dun mes ao ano que regresaba a Achas para estar coa súa muller e fillos. Quedou viúva con 55 anos cun fillo de 20 anos e unha nena de 10.

Muller vitalista e risueña conta cun deixe de ironía cómo tivo que regalarlle ao cura de Achas, no ano1941, un xamón de 18 libras para que lle preparase os trámites do matrimonio.

Lembra con agarimo a todos os veciños que vivían en Randufe durante a súa infancia. Tampouco esqueceu as datas de nacemento e nomes completos de fillos, irmáns, cuñados, sobriños, curmáns, netos, biznietos, tataranietos e veciños. Ten  8 netos, 5 biznetos e outro máis en camiño e 1 tataraneto. E o seu bo humor e carácter vitalista permítelle reunirse algunhas tardes cos seus veciños Gumersindo (95 anos) e Isaura (97 anos) para xogar ás cartas e tomar café.

Na actualidade vive tranquila rodeada do agarimo da súa familia e dos veciños de Randufe que non quixeron deixala soa nesta ocasión tan especial. O seu 100 Aniversario.

 

 

compartir

axenda