NovasIr a esta sección

O Santuario de A Franqueira presentou a nova Vía de Peregrinación de Braga a Muxia
Data de publicación: 15 de maio de 2018

Unha vía que sitúa ao Santuario da Franqueira no medio do camiño e que servirá, segundo os promotores deste proxecto para fixar poboación e revitalizar ao Deserto Verde como denominaron ao rural galego.

Os alcaldes confían en que a Vía Mariana poida fixar poboación e cree emprego na comarca

 

O Santuario da Franqueira presentou a nova ruta de peregrinación de Braga a Muxía que pasará por Arbo, A Cañiza e Covelo - A previsión é que estea sinalizada no verán.

 

A ruta de peregrinación luso-galaica, Vía Mariana, que entrará en Galicia por Arbo e atravesará os concellos de Covelo e A Cañiza nace co obxectivo de contribuír na fixación de poboación e a creación de empregos no rural.

O santuario da Franqueira acolleu a presentación desta ruta que unirá Braga con Muxía, enlazando diferentes santuarios marianos a través de rutas paisaxísticas de gran beleza. Á presentación acudiron os alcaldes dos concellos polos que transcorre a vía e os seus ideólogos José de La Riera e Luís Martínez Freixo.

Os seus creadores explicaron as singularidades do trazado e o seu potencial para captar turismo de natureza. Ao acto, presentado polo párroco da Franqueira, Javier Alonso, tamén asistiron representantes de comunidades de montes e asociacións de veciños que participaron na definición e trazado do itinerario.

A xornada foi organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural ( GDR) Condado Paradanta, que aposta polo proxecto pola súa capacidade para fixar poboación e crear novo emprego na comarca.

Pola súa banda, José de la Riera expuxo as razóns que deron pé á creación desta ruta e cales son as singularidades que a fan diferente ao resto de camiños de peregrinaxe.

O alcalde da Cañiza e presidente do GDR, Miguel Domínguez, sinalou a importancia desta vía como "elemento dinamizador dos concellos do rural" e ofreceu a súa colaboración "para que a ruta sexa unha realidade o máis axiña posible". Domínguez informou ademais que "se están dando os primeiros pasos" para crear un centro de interpretación e un albergue na parroquia cañicense de Parada de Achas, punto de parada da Vía Mariana.

No acto, o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, agradeceu aos promotores o traballo realizado e ofreceu o seu apoio "para que o proxecto siga coa máxima celeridade". Así mesmo, o alcalde de Muxía, Félix Porto, cuxa localidade é o final da vía, aludiu ao "deserto verde no que se están convertendo algúns concellos galegos polo seu despoboamento" e apuntou que este tipo de iniciativas axudan a reverter a situación. Porto puxo como exemplo o seu concello, onde desde que é punto final do Camiño de Santiago, creáronse sete albergues e varias casas rurais.

A sinalización desta nova ruta de peregrinaxe espérase que estea lista este verán. Para iso, é necesaria a colaboración de todas as entidades privadas e concellos polos que transcorre a ruta. O GDR Condado Paradanta márcase como reto tratar de liderar un proxecto de cooperación cos restantes GDR galegos e lusos para a promoción e sinalización da ruta.

 

compartir

axenda