NovasIr a esta sección

Éxito sin precedentes da 51 Feira do Xamón
Data de publicación: 17 de agosto de 2017
O Alcalde Miguel Domínguez quixo agradecer e felicitar a todas as persoas implicadas na organización desta nova edición polo éxito alcanzado.   Cunha mención especial para o profesional Víctor Burgos, experto e profesional xamonero de A Cañiza e director do IV Concurso de Corte de Xamón, polo seu extraordinario traballo e bo facer á fronte deste certame.
 
Como non podía ser doutro xeito, despois do acerto e éxito alcanzado nesta nova edición da afamada Feira do Xamón da Cañiza, o Alcalde, Miguel Domínguez, quixo agradecer a todas as persoas responsables e colaboradoras neste evento gastronómico polo seu esforzo, dedicación e apoio. Sen eles a feira non sería posible. En especial ás mais de 60 persoas, todos eles traballadores do Concello (oficinas, brigada de obras, equipo de cultura, policía local, limpeza viaria...) e tamén amigos e veciños que todos os anos mostran a súa vontade de axudar, sen os cales non poderían atenderse ás miles de persoas que na mañá do 15 de agosto congregáronse na Carballeira do Cacharado. 
 
Un traballo que reverte en enxalzar o noso mellor abanderado gastronómico, o xamón e que sitúa o nome de A Cañiza no mapa das mellores festas gastronómicas de España con maiúsculas. Agradecemento extensivo tamén para as concelleiras Ana Cerviño e Sonia Alvarez responsables doutra parte da organización.
 
Á súa vez Miguel Domínguez quixo facer unha mención especial ao noso veciño Víctor Burgos, profesional xamoneiro e  socio fundador da Asociación de cortadores de xamón de Galicia polo seu extraordinario e impecable traballo á fronte da IV edición de cortadores que este ano se situou a niveis nacionais e que conseguiu atraer aos mellores profesionais de España. Todo un luxo do que gozaron os cañicenses e por suposto os turistas que nos visitaron  durante a maior ponte do verán, pero que detrás levaba meses de intenso traballo, márketing, promoción e sobre todo poder de convocatoria.
 
Ademais do 15 de agosto, durante as xornadas do 13 e 14 Víctor Burgos fíxose cargo da exhibición de corte do lisco de xamón máis longa. Un total de 28 metros de xamón loncheado sen desprenderse. Unha fazaña que conseguiron Víctor Burgos e Pablo Chaves, gañador da edición do ano 2015 do concurso de cortadores. Cada un co seu xamón fixeron do corte todo un pracer para a vista e o padal.
 
O 14 de agosto Víctor Burgos, de novo acompañado por Pablo Chaves, convocou na rúa Oriente a outros cortadores para ofrecer a master class de corte de xamón. Raul Freire, gañador do concurso de corte de 2016, Marco Antonio Duarte, gañador do mellor prato creativo de xamón da pasada edición e Roberto Lemos sumáronse a este evento dando unha exquisita mostra de profesionalidade. Un equipo de cortadores,  que fixeron as delicias do público cos seus orixinais e espectaculares presentacións de xamón.
 
O Alcalde tampouco se quixo esquecer dos comerciantes e empresarios de A Cañiza que un ano máis puxeron o seu gran de area para conseguir que as festas poidan celebrarse coa calidade que se merecen.
 
A todos eles, o noso máis sincero agradecemento. 
 
compartir

axenda