NovasIr a esta sección

A Xunta propón a implantación dun GES, Grupo de Emerxencias Supramunicipal, na Cañiza
Data de publicación: 09 de novembro de 2020

O Alcalde valora moi positivamente que se aposte pola Cañiza para implantar este Grupo de proximidade,  especialista en incendios urbanos, industriais, forestais, excarcelación de accidentes de tráfico e primeiros auxilios, cuxo obxectivo é atender á poboación no menor tempo de resposta posible

 

SIN EMBARGO CONSIDERA QUE DENDE A XUNTA DEBERÍA TERSE CONTADO CO CONCELLO PARA TERNOS INFORMADO DA PROPOSTA, XA QUE SEREMOS A BASE DO GRUPO E A ÚNICA INFORMACIÓN DE QUE DISPOMOS É POLA PRENSA.

 

O Alcalde Luis Piña, despois de terse enterado polos medios de comunicación de que a Xunta creará un novo Grupo de Emerxencias Supramunicipal (dependente da Academia Galega de Seguridade) con base na Cañiza para a intervención en situacións de risco en toda a Comarca, manifesta que “de materializarse esta proposta dende o Concello estaremos en disposición de acoller o Grupo e dotalo dunha Base”. Continúa dicindo que “a pesar da delicada situación económica do Consistorio, somos os primeiros que queremos colaborar na implantación deste Grupo de proximidade, especialista en incendios urbanos e industriais, forestais, excarcelación de accidentes de tráfico e mesmo primeiros auxilios, cuxo obxectivo é atender á poboación no menor tempo de resposta posible”..

Con todo e ainda que a noticia é moi favorable para o noso Municipio, dende o Concello considérase que o procedemento e as formas para lanzar esta proposta non foi a máis adecuada, xa que antes de informar aos medios a Xunta debería ter contactado co Concello, como parte implicada xa que teremos que reservar crédito no orzamento para asumir a porcentaxe de financiación que nos corresponda e ata o día de hoxe non houbo ningún tipo de comunicación a este respecto.

Segundo palabras do rexedor, “durante este ano e medio de mandato, demostrei a miña actitude de cordialidade e colaboración con todas as Institucións, por iso creo que o Concello non se merece este desapego por parte da Xunta de Galicia”.

O Alcalde reitera que por parte da Institución do Concello estarase en disposición de colaborar plenamente co asentamento deste Grupo de Emerxencias que seguro conta coa aceptación unánime de toda a nosa veciñanza. Este intento de crear o Grupo xa estaba enriba da mesa en negociacións hai unha década, así que se agora fructifica “Benvido sexa”.

compartir

axenda