NovasIr a esta sección

Miguel Domínguez presenta o Calendario 2018
Data de publicación: 15 de decembro de 2017

A FOTOGRAFÍA, PROTAGONISTA DO CALENDARIO 2018 DA CAÑIZA

O Alcalde presentou o venres 15 de decembro o Calendario 2018 acompañado da Teniente de Alcalde Ana Cerviño e dos autores das fotografías que aparecen no traballo deste ano.

Miguel Domínguez presentou esta mañá o Calendario 2018 que o Concello dedica nesta ocasión a fotografías da Cañiza. Imaxes capturadas polos alumnos que participaron nos cursos de fotografía profesional dos dous últimos anos, impartidos a través do departamento de Cultura.

13 imaxes cheas de beleza que mostran momentos, movementos, elementos e paisaxes, converténdoos en arte para deleite de todos e que percorrerán os meses do ano ata chegar a decembro.

Como xa vén sendo habitual nestas datas e por quinto ano consecutivo, Alcalde, Concelleiros e voluntarios repartirán os 3000 exemplares do calendario porta a porta entre os veciños da Cañiza, aproveitando a ocasión para felicitarlles as festas.

No ano 2014 o Concello iniciou este proxecto cultural, en forma de calendario, como unha plataforma para ponderar as nosas tradicións e legado histórico, etnográfico, paisaxístico, relixioso e cultural. E fíxoo mes a mes, poñendo en valor todos os recursos da Cañiza plasmados en imaxes que favorecen o recordo nuns casos e o coñecemento noutros, de todo aquilo que forma parte da identidade da Vila.

Durante todos estes anos elixiuse cada temática co maior respecto e agarimo, de forma que todos os recunchos do territorio tivesen o seu espazo neste proxecto. A cálida acollida dos veciños, facendo necesario imprimir máis exemplares nalgunha ocasión, alentou e ilusionou ao Concello para continuar mellorando cada ano, tendo en conta ademais as suxestións de moitos cañicenses para elixir novos contidos.

O Concello quere agradecer tamén a colaboración especial dos profesores e alumn@ s dos cursos de fotografía que achegaron as imaxes que aparecen neste traballo.

compartir

axenda