NovasIr a esta sección

Turismo de Galicia mellorará o espazo histórico da contorna do Santuario de A Franqueira
Data de publicación: 18 de outubro de 2017

• No Consello da Xunta de Galicia celebrado o pasado 11 de outubro baixo a Presidencia de Alberto Núñez Feijóo, aprobouse a subscrición dun Convenio para o acondicionamento do interior do núcleo de A Franqueira por un importe de 137.834,42 €.

• O obxectivo desta actuación é poñer en valor esta contorna de alto interese turístico que cada ano acolle a milleiros de peregrinos nas Romarías da Virxe de A Franqueira.

 

O Consello da Xunta celebrado o pasado 11 de outubro aprobou o acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello de A Cañiza para o acondicionamento interior do núcleo da Franqueira, que ano a ano reúne a milleiros de peregrinos e visitantes nas romarías da Virxe da Franqueira, festa de interese turístico de Galicia.

 

 

Ao abeiro deste acordo, Turismo de Galicia levará a cabo actuacións que se centrarán en todo o conxunto de rúas interiores do núcleo para completar así o proceso de remodelación que xa se está executando. Os traballos centraranse no firme, detalles de encontros entre rúas e vivendas, sumidoiros e cambio de luminarias existentes.

Con estes traballos porase en valor un gran atractivo turístico da provincia de Pontevedra, onde se erixe o santuario de Nosa Señora Santa María de A Franqueira, que rende culto á imaxe da Virxe da Fonte. Son coñecidas as romarías, declaradas de interese turístico de Galicia, e por ser unha das imaxes marianas máis antigas de toda Galicia, xunto coa Virxe da Barca e das Ermidas.

O santuario, xunto co de Santo André de Teixido, forma parte da experiencia turística impulsada ao abeiro do produto cabeceira de marca de Turismo de Galicia "Santuarios Máxicos" (que propón a visita a diferentes santuarios galegos).

 

 

O Santuario de A Franqueira, ademais de acoller ano a ano miles de peregrinos, tamén conta cunhas magníficas vistas desde os miradoiros da Paradanta, con extensas áreas panorámicas e recreativas.

 

 

 

De relevancia turística.

A sinatura deste convenio –cuxo investimento total ascende a máis de 130.000€, dos que Turismo de Galicia achega o 100%- responde a unha iniciativa de relevancia na oferta turística galega vinculada aos recursos singulares entre os que se atopan as festas de interese turístico de Galicia e o patrimonio, e que persegue o impulso turístico do concello e da comarca.

Enmárcase no traballo da Administración autonómica pola posta en valor dos recursos materiais e inmateriais de Galicia e para fomentar o seu coñecemento e desenvolvemento turístico, como así se recolle na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta que inclúe os compromisos da Administración autonómica para desenvolver un modelo turístico responsable e sustentable e construír un destino único cunha oferta especializada e diversificada.

 

compartir

axenda