NovasIr a esta sección

VII MAGOSTO E SERÁN DA CASTAÑA
Data de publicación: 17 de outubro de 2017

O Concello de A Cañiza celebra o 4 de novembro a VII edición do Gran Magosto Popular a partires das 21h no baixo da Praza Maior da Vila.

A Asociación Cultural As Furafollas de Oroso colabora tamén organizando neste mesmo emprazamento o V Serán da Castaña

O 4 de novembro a céntrica Praza Maior da Vila acollerá no seu baixo a celebración do VII Gran Magosto popular a partires das nove da noite. Como en edicións anteriores ademáis de castañas asadas, o Concello preparará bocadillos de chourizo asado regado cos viños da zona. Ao finalizar os asistentes poderán disfrutar da tradicional queimada que será conxurada como manda a tradición.

 

Pero este magosto conta, un ano máis, cun valor engadido da man da Asociación Cultural Furafollas de Oroso. A Asociación completa a programación do Concello organizando, neste mesmo emprazamento e a mesma hora,  o V Serán da Castaña que contará con música tradicional e as cancións galegas recopiladas da memoria popular e que agora se recuperaron grazas ao interese das mulleres e homes da localidade que se están esforzando porque non desaparezan estas pezas da cultura musical popular galega.

En A Cañiza existe unha grande tradición de seráns, de feito durante todo o ano celébranse varias edicións nas parroquias de Achas e de Oroso, destacando o Serán de Randufe pioneiro na recuperación desta tradición musical e na que as veciñas deste lugar de Achas levan traballando dende hai xa moitos anos.  Dende o Concello queremos felicitar a todas as nosas asociacións por esta valiosa labor de compilación e recuperación que están desenvolvendo, conseguindo sacar do esquezemento unha parte importante da nosa cultura.

 

Que é un SERÁN:

O Serán é o nome que se lles deu ás festas que organizaban as xentes das aldeas dos concellos do interior de Pontevedra como é o caso da Vila de A Cañiza, no tempo en que non había outra forma de entretemento. Comezaban á tardiña, no serán. Según contan os nosos maiores o serán empezaba cunha secuencia de bailes soltos (jotas e muiñeiras) e logo pasaban aos agarradiños (sobre todo pasodobles). Esta organización permitía saber aos bailaríns qué peza lle tocaba bailar con cada quen. Os máis pícaros sempre agardaban estos agarradiños.

compartir

axenda