O Concello continúa coa programación do Verán de Lecer 2026 cunha proposta especialmente pensada para o público infantil e familiar:
o espectáculo "A Cantar no Verán", da compañía galega Animar-T,
unha das empresas de referencia en Galicia no ámbito da animación infantil, o teatro musical e os espectáculos participativos para concellos, centros educativos, asociacións e eventos familiares.
A actuación celebrarase o sábado 15 de agosto, ás 19:00 horas, na Rúa Oriente da Cañiza, ofrecendo unha tarde chea de música, baile, xogos e moita diversión, na que os nenos e nenas se converterán nos auténticos protagonistas do espectáculo.
"A Cantar no Verán" é unha proposta musical interactiva na que pequenos e maiores poderán cantar, bailar e participar activamente a través de coreografías, xogos musicais e cancións infantís, fomentando a participación e o lecer compartido entre toda a familia. O obxectivo de Animar-T é crear experiencias dinámicas e inesquecibles nas que o público non só observa, senón que forma parte do espectáculo.
A compañía, con sede na provincia de Pontevedra, leva anos percorrendo Galicia organizando espectáculos, animacións musicais, pasarrúas, obradoiros, karaokes, festas da escuma e outras actividades para concellos e entidades, destacando pola calidade das súas producións e polo carácter participativo de todas as súas propostas.
Esta actividade, de acceso libre e gratuíto, forma parte da programación da 60ª Festa-Feira do Xamón da Cañiza, ampliando a oferta de lecer para que as familias poidan desfrutar dunha xornada festiva completa antes dos actos centrais da celebración.
Sábado 15 de agosto de 2026, ás 19h na rúa Oriente ( a carón da Casa Consistorial)