O Concello entrega a Medalla de Prata da Vila á Asociación Deportiva Cañiza
A distinción, recollida no Regulamento de Honras e Distincións do Concello, recoñeceu a traxectoria da entidade e o seu compromiso co deporte base e coa formación en valores.
O pasado sábado, 4 de xullo, ás 22:00 horas, o Salón de Plenos da Casa Consistorial acolleu o acto solemne de entrega da Medalla de Prata da Vila á Asociación Deportiva Cañiza C.F. (ADECA). A cerimonia, presidida polo Alcalde Luis Piña, reuniu a membros da Corporación Municipal, así como á familia deportiva de ADECA e veciños que quixeron acompañar á Asociación nesta ocasión.
O acto oficial deu comezo coa benvida do Alcalde, seguida da lectura por parte da Teniente de Alcalde Mª José Rodríguez da resolución pola que a Corporación Municipal acordou conceder á Asociación Deportiva Cañiza C.F. a Medalla de Prata da Vila. O acordo, aprobado por unanimidade no Pleno celebrado o 28 de decembro de 2021, recoñeceu os servizos prestados pola entidade á vila durante os seus primeiros vinte e cinco anos de actividade, así como a súa contribución ao desenvolvemento do deporte base, á promoción de valores como o esforzo, o compañeirismo e o respecto, e ao fortalecemento do tecido social do municipio.
De seguido o Alcalde fixo entrega da Medalla de Prata da Vila aos representantes da entidade, nun dos momentos máis emotivos da cerimonia, dando paso á intervención do fundador e 1º Presidente da Asociación César Rodríguez. A continuación tomou a palabra Mónica Almuiña, presidenta do C.F. Cañiza, que realizou un percorrido pola historia da asociación, lembrando o esforzo, a dedicación e o compromiso de todas as persoas que contribuíron ao seu crecemento e consolidación desde a súa creación.
O Alcalde pechou a rolda de intervencións destacando o significado desta homenaxe. Luis Piña felicitou á gran familia de ADECA por este merecido recoñecemento e agradeceu o labor desenvolvido durante estes anos polos seus 4 presidentes (César Rodríguez, Ricardo Coello, Santiago Lage e Mónica Almuiña) así como polos directivos, adestradores, colaboradores, xogadores e familias, destacando que o verdadeiro éxito da entidade vai moito máis alá dos resultados deportivos, ao converterse nun referente na educación en valores e na convivencia a través do deporte.
A continuación, Mónica Almuiña asinou, en nome da asociación, no Libro de Honra do Concello, deixando constancia deste recoñecemento institucional. Así mesmo, o outorgamento da Medalla de Prata quedou inscrito no Libro de Honras e Distincións do Concello, conforme ao establecido no regulamento municipal.
A interpretación do Himno de Galicia puxo o broche final á cerimonia, que concluíu coa fotografía de familia.
Galería multimedia