O Concello informa da adopción de medidas extraordinarias de aforro de auga
MEDIDAS EXTRAORDINARIAS DE AFORRO DE AUGA
O Concello da Caniza informa de que, con data de hoxe, a Alcaldía aprobou a Resolución nº 2026-0940, pola que se adoptan medidas extraordinarias de aforro de auga para garantir a continuidade do servizo municipal de abastecemento domiciliario de auga potable.
Esta decisión responde á grave situación de seca que afecta a Galicia, cualificada por MeteoGalicia como a máis intensa desde o ano 1990, e á importante diminución das reservas de auga do sistema municipal de abastecemento.
A esta situación súmase o baleirado extraordinario do depósito municipal de Portoaugavella, cunha capacidade aproximada de tres millóns de litros, que o venres 12 de xuño de 2026 se atopaba ao 100 % da súa capacidade e que, cando foi inspeccionado novamente polos servizos municipais o luns 15 de xuño de 2026, apareceu completamente baleiro.
As comprobacións realizadas na rede municipal de abastecemento non permitiron detectar fugas nin danos visibles que xustificasen a perda de tal volume de auga, polo que os feitos foron postos en coñecemento da Garda Civil mediante a correspondente denuncia, permanecendo actualmente baixo investigación.
Por este motivo, a Resolución establece unha serie de medidas dirixidas a preservar as reservas dispoñibles, entre elas a prohibición de determinados usos non esenciais da auga, recomendacións para reducir o consumo doméstico e a realización de controis para garantir o cumprimento das medidas adoptadas.
O Concello fai un chamamento á colaboración e responsabilidade de toda a veciñanza. O uso racional da auga é fundamental para garantir o abastecemento de toda a poboación mentres persista esta situación excepcional. Co compromiso de todos e todas contribuiremos a preservar un recurso esencial.
"O uso responsable da auga é cousa de tod@s". Só a prevención pode atenuar os efectos que pode ocasionar a previsible falta de precipitacións.
Esta última é unha mensaxe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.