As actuacións, cun investimento de 47.372,67 €, financiadas integramente con fondos municipais, teñen como obxectivo actuar sobre a orixe das humidades estruturais e mellorar as condicións de habitabilidade, seguridade e confort da Escola antes do inicio do vindeiro curso escolar.
O Alcalde, Luis Piña, informou esta mañá de que a Escola Infantil Municipal permanecerá pechada durante o próximo mes de agosto co obxectivo de executar unha importante actuación de mellora no edificio, centrada principalmente na corrección das humidades provocadas por un defecto construtivo que o inmoble arrastra desde a súa apertura no ano 2010. Ao longo destes anos leváronse a cabo diversas actuacións para tratar de solucionar esta problemática, sen que ningunha delas lograse erradicala de maneira efectiva, polo que agora se acometerá unha intervención integral deseñada para actuar sobre a orixe destas deficiencias.
Esta situación motivou a redacción dun proxecto de acondicionamento integral co obxectivo de mellorar as condicións de habitabilidade, seguridade e confort dun edificio destinado á atención educativa da primeira infancia.
Neste contexto, o Concello adxudicou, mediante un procedemento de emerxencia, a execución destas obras á empresa Multiservicios Renova S.L., por un importe de 47.372,67 euros (IVE incluído).
A intervención, que será financiada ao 100 % con recursos propios do Concello, contempla a impermeabilización dos cerramentos para actuar sobre a orixe das humidades, así como a reparación dos danos ocasionados por estas no interior do edificio. Ademais, inclúe a instalación de detectores de fume, a reparación de canalóns e cubertas, a restauración de paredes, falsos teitos e pavimentos e a instalación dunha pérgola bioclimática para crear unha zona de sombra no patio exterior.
Segundo explicou o Alcalde, "as obras programáronse aproveitando o mes de agosto, tras informar previamente ás familias usuarias da Escola Infantil Municipal, co obxectivo de concentrar nese período o mes de vacacións que cada neno e nena debe desfrutar ao longo do curso, de acordo coa normativa vixente. Esta planificación foi comunicada á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, permitindo executar as obras sen afectar ao funcionamento ordinario do centro e garantindo a súa reapertura con total normalidade ao inicio do novo curso".
Luis Piña, quixo agradecer expresamente a colaboración e comprensión amosada polas familias usuarias da Escola Infantil Municipal.
"Somos conscientes das molestias que pode supoñer este peche temporal, pero consideramos que esta actuación é necesaria para intervir sobre un problema construtivo que arrastra o edificio e seguir mellorando unhas instalacións fundamentais para o benestar e a atención das nenas e nenos do noso concello".