o «Entroido» da Caniza consolídase como unha das grandes citas festivas do verán

O Entroido de Verán da Caniza 2026 converteuse este sábado 25 de xullo nun rotundo éxito de participación, organización e ambiente, reunindo a centos de persoas nunha xornada festiva que encheu as rúas da vila de música, cor, creatividade e convivencia.

Organizado polo Club Balonmán Caniza en colaboración co Concello da Caniza e co apoio do comercio local, da hostalaría, dos patrocinadores e dun amplo equipo de persoas voluntarias, o evento reafirmou o seu papel como unha das citas festivas máis divertidas, converténdose ademais nun importante revulsivo para a economía local.

Unha xornada chea de actividades

A programación arrancou a primeiras horas da mañá, coa apertura da zona infantil instalada na Praza Maior, na que os pequenos gozaron dos inchables, pintacaras, obradoiros e da batucada participativa. A sesión vermú, amenizada pola Charanga SDK, levou a música polas rúas da vila.

Outro dos momentos máis emotivos foi o pregón pronunciado polos canicenses Brais e Junior, integrantes do equipo Terra Xamón, que recibiron unha calorosa ovación do público como recoñecemento á súa recente participación no UNIRAID 2026, unha aventura solidaria na que percorreron preto de 3.000 quilómetros por Marrocos, repartindo material entre comunidades desfavorecidas.

O desfile e concurso de disfraces volveu converterse no gran protagonista da tarde. Ademais das 18 comparsas e grupos inscritos no certame, foron moitos os veciños e visitantes que decidiron disfrazarse e participar sen competir, ofrecendo unha imaxe espectacular das rúas da Caniza.

As comparsas participantes no concurso foron:

  • O Pendello de Bad Bunny
  • Red Velvet
  • Tribu Xesteira
  • Dous nunha moto
  • Intuyes
  • Las Tóxicas
  • SuperMarioBross
  • Zumba-Dos
  • París 1950
  • La Neverita
  • A última tribu e cheghamos tarde
  • Los máis salaos!
  • As Chicholinas de Guláns
  • Chapuzón hacia los 60
  • Charanga Desordenada
  • Os Incribles
  • Nueva Curva
  • Os Vixiantes do Entroido

A calidade, orixinalidade e elaboración das propostas fixeron especialmente difícil o labor do xurado, que finalmente acordou conceder os seguintes premios:

Mellor Comparsa
Nueva Curva700 €

Comparsa Máis Ruidosa
O Pendello de Bad Bunny300 €

Comparsa Máis Bailonga
Intuyes200 €

Comparsa Máis Currada
Tribu Xesteira150 €

Comparsa Máis Orixinal
As Chicholinas de Guláns100 €

Comparsa Máis Divertida
Dous nunha moto50 € máis unha cesta

Comparsa Máis Veraniega
Os Vixiantes do EntroidoAbono dobre no BM Caniza

 

Alcalde Luis Piña, acompañado do presidente do Club Balonmán Caniza, Marcos Estévez, do concelleiro Miguel Anxo Gómez e de Montse Pérez da directiva do CBC, entregaron os premios ás comparsas gañadoras.

O Concello financiou integramente os 1.500 euros destinados aos premios, entregados en forma de vales de compra para consumir no comercio local, reforzando así o seu compromiso coa dinamización económica e co apoio ao pequeno comercio.

A festa continuou ata ben entrada a madrugada coa actuación dos DJs Samu Pexe, Iván Alonso, Khris Guez, Diego Mei, Joy Rúa, Gustavo Álvarez e Tibú, que puxeron o broche final a outra exitosa edición deste entroido.

Na súa intervención o Alcalde destacou a extraordinaria implicación de todas as persoas e entidades que fixeron posible o éxito do evento.

"Quero expresar o meu máis sincero agradecemento ao Club Balonmán Caniza, á súa directiva e a toda a gran familia que hai detrás desta organización. Levan meses traballando con enorme ilusión, dedicación e de maneira totalmente desinteresada para que hoxe a Caniza volvese vivir unha festa exemplar. O seu compromiso merece o recoñecemento de toda a veciñanza."

"Grazas tamén ao comercio local, á nosa hostalaría, aos patrocinadores, ás persoas voluntarias, aos servizos municipais e a todas as persoas que colaboraron nesta xornada de sábado."

Noraboa a todos!