Reportaxe fotográfica da 60ª edición da Festa-Feira do Xamón
O pasado 15 de agosto, A Caniza viviu unha edición moi especial da súa Festa-Feira do Xamón: a 60ª, unha celebración marcada pola tradición, a gastronomía, a música e a presenza de milleiros de veciños, amigos e visitantes.
A festa comezou xa o 13 de agosto, cun obradoiro de pan para os máis pequenos e coa espectacular elaboración do bocata xigante de xamón, que fixo historia ao bater o récord de todas as edicións pasadas: unha barra de 23,60 metros e unha fatia de xamón de 23,50 metros.
O venres 14 de agosto, a programación continuou cunha xornada dedicada ao corte de xamón e á cata de viños, na que o produto estrela da Festa se uniu aos viños das adegas da zona nunha exquisita combinación gastronómica.
Víctor Burgos, responsable da dirección do afamado Concurso de Cortadores que se celebra en paralelo á xornada gastronómica do 15 de agosto, foi o encargado da parte dedicada ao xamón. Pola súa banda, Juan González Arjones, enólogo, adegueiro e viticultor, encargouse de impartir o curso de cata de viño. Os dous estiveron vestidos polo deseñador canicense Cristóbal Vidal a quen o Alcalde lle deu as grazas pola súa xenerosidade.
Da man destes dous expertos, os asistentes puideron coñecer os segredos dun bo corte de xamón, descubrir os trucos para conseguir os mellores liscos e aproveitar ao máximo o produto, así como coñecer os requisitos que se lles esixen aos mellores cortadores de xamón.
Pola súa banda, Juan González Arjones introduciu aos participantes nos segredos da cata de viño, achegándoos aos viños e ás variedades da nosa zona e explicando como maridalos co xamón. Ademais, ofreceu as claves para saber que viño elixir para acompañar o xamón nas súas distintas variedades culinarias.
A xornada estivo aberta a todos os veciños e visitantes que quixeron compartir esta experiencia, aínda que foi necesaria a inscrición previa no propio emprazamento, a partir das 18:00 horas, debido ao aforo limitado.
A tradición tamén estivo moi presente nas rúas da Caniza coa saída dos tres centenarios cabezudos, coñecidos como o Indio e a Parella, que volveron percorrer e animar o núcleo urbano os días 14 e 15 de agosto.
O venres 14, a partir das 12:00 horas, os cabezudos saíron desde a Casa Consistorial, na rúa Oriente, para iniciar o tradicional pasarrúas polo núcleo urbano, acompañados polo son das gaitas do Grupo Santa Cristina de Valeixe.
Estas figuras emblemáticas, coñecidas así desde hai máis dun século, forman parte da historia das Festas do Xamón.
Entre bailes e música tradicional, os cabezudos volveron dar vida a unha tradición que se mantén viva xeración tras xeración e que, unha vez máis, acompañou as celebracións da 60ª edición da Festa-Feira do Xamón.
O día grande, o sábado 15 de agosto, deu comezo coa xornada gastronómica do xamón.
O Alcalde da Caniza, Luis Piña, deu a benvida oficial a todos os asistentes, agradecendo a súa participación e poñendo en valor a importancia desta festa para a nosa vila.
A xornada desenvolveuse na Carballeira do Cacharado, onde o Concello abriu durante a mañá as tres tradicionais pallozas para a venda das racións, que permitían degustar o xamón nas súas cinco especialidades: curado, asado, tortilla, empanada e croquetas de xamón. Cada ración incluía tamén pan, auga e os afamados viños da Caniza, recoñecidos con diferentes premios pola súa calidade.
Ademais, cos tickets de compra, o público participou nos sorteos de xamóns e recibiu unha panoleta conmemorativa desta 60ª edición, que encheu de cor e ambiente festivo a Carballeira.
Nesta mesma xornada celebrouse a XI edición do Concurso de Cortadores, dirixido polo mestre Víctor Burgos, que unha vez máis puxo en valor a excelencia do noso produto estrela.
A música tradicional galega volveu ter un papel destacado na celebración, da man da Asoc. Cultural Santa Cristina de Valeixe e do Grupo Folk Os do Cruceiro, acompañados pola charanga «CLK». Ademais, sorteáronse entre o público dous xamóns.
Xa pola tarde, diante da Casa do Concello, na rúa Oriente, os pequenos disfrutaron, a partir das 19:00 horas, do espectáculo infantil de animación «A cantar no verán», a cargo da compañía Animar-T.
Nova cartelería conmemorativa da 60 Edición e emisión de selo postal da Festa
A 60ª Festa-Feira do Xamón destacou, ademais da súa programación, pensada para todos os públicos, pola súa nova cartelería conmemorativa, creada especialmente para celebrar esta edición histórica.
A nova imaxe gráfica toma como punto de partida o cartel da primeira Festa-Feira do Xamón, recuperando os seus elementos máis representativos e adaptándoos a unha estética contemporánea. Como principal novidade, a cartelería presentouse en catro versións diferentes, nas cores coral, verde, azul e amarelo, convertidas en pezas únicas e coleccionables, editadas nunha tirada limitada para conmemorar as seis décadas de historia da Festa.
A celebración desta 60ª edición estivo tamén acompañada por unha iniciativa especialmente significativa: a primeira Exposición Filatélica da historia da Caniza, que permitiu poñer en valor a historia postal do municipio e a relevancia da Festa-Feira do Xamón.
Entre as pezas máis destacadas da mostra atopáronse o cuño conmemorativo da LX edición, unha tarxeta postal conmemorativa de tirada limitada e, por primeira vez na historia postal do municipio, un selo personalizado emitido por Correos para conmemorar o 60º aniversario da Festa-Feira do Xamón, creado expresamente para homenaxear esta celebración.
E o domingo 16 de agosto, a programación da 60ª Festa-Feira do Xamón da Caniza sumou unha nova cita deportiva coa celebración do tradicional Trofeo Festa do Xamón, que reuniu no campo municipal de Augas Férreas o fútbol feminino e masculino nunha xornada especial de pretemporada.
Aquí deixamos unha selección das mellores imaxes da edición do 15 de agosto.
Este éxito non sería posible sen o traballo incansable de profesionais, empresarios, asociacións e traballadores do Concello.
A todas e todos, GRAZAS polo voso apoio e colaboración.
Galería multimedia