O Alcalde Luis Piña, visitou o pasado 15 de xullo aos nenos e nenas participantes na primeira quenda do Campamento Urbano 2026, unha iniciativa que comezou o 1 de xullo e na que participaron 95 menores, atendidos por un equipo de 11 monitores de tempo libre.
O campamento, desenvolvido nas instalacións do CPI da Caniza, ofreceu ao longo de dúas semanas un completo programa de actividades deportivas, educativas e de lecer. Os participantes xogaron a gincanas, carreiras de sacos, corda, saltos e outras propostas lúdicas que encheron de diversión e actividade cada unha das xornadas.
Ademais utilizaron as instalacións da piscina municipal ao aire libre das Grades, onde realizaron diferentes actividades acuáticas, e participaron en rutas de sendeirismo ata a parroquia de Achas, fomentando o contacto coa natureza. Como novidade nesta edición, tamén coidaron dunha pequena horta no CPI, na que plantaron leitugas e outras especies vexetais, promovendo valores de respecto polo medio ambiente e hábitos de vida saudables.
O obxectivo deste programa é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán, ao tempo que promove a práctica de actividades físicas, deportivas, recreativas e educativas no medio rural, sempre baixo a supervisión de persoal especializado.
A primeira quenda do campamento rematou cunha festa de despedida e un xantar compartido, no que as familias colaboraron coa achega de sobremesas.
Durante a súa visita, o Alcalde compartiu un intre cos nenos e nenas, aos que agasallou con golosinas.
A segunda quenda do Campamento Urbano deu comezo o 16 de xullo, cun total de 85 nenos e nenas inscritos.
Este programa está subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade, ao abeiro do Plan Corresponsables para entidades locais, cunha achega de 18.665 euros.