A Caniza acolle a 1ª Exposición Filatélica da súa historia

  • Ademáis de 12 a 14h o Salón de Plenos converteuse nunha Oficina Temporal de Matasellado
  • E presentouse a tarxeta postal conmemorativa da 60ª Edición da Feira do Xamón

 

O Concello inaugurou esta mañá a Primeira Exposición Filatélica da historia do municipio, un acontecemento de especial relevancia polo seu extraordinario valor histórico, cultural e patrimonial.

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 7 de agosto, en horario de 08:00 a 15:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial (2ª planta, rúa Oriente, 11), con entrada libre. Está organizada polo Concello grazas á colaboración da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) e da Sociedade Filatélica Miño, entidades que contribúen á promoción e conservación do patrimonio filatélico galego.

O acto inaugural estivo presidido polo Alcalde, Luis Piña, acompañado polo Equipo de Goberno e membros da Corporación. Tamén asistiron o xefe de sector de Correos, Orlando Cid; a directora da oficina de Correos da Caniza, Rosa Parada; o presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI), José Luis Rey; o presidente da Sociedade Filatélica Miño de Ourense, José Barros; o vicepresidente José Pedro Gómez-Agüero e vicesecretaria da Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI), Marila Abad, así como os expositores das coleccións que integran esta primeira mostra.

Durante a inauguración, o Alcalde da Caniza deu a benvida ás autoridades, representantes das entidades colaboradoras, expositores e persoas asistentes, destacando a importancia de celebrar por primeira vez na historia do municipio unha exposición filatélica destas características coincidindo coa LX Edición da Festa-Feira do Xamón, unha das celebracións gastronómicas máis emblemáticas de Galicia.

Luis Piña agradeceu especialmente a implicación da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) e da Sociedade Filatélica Miño, cuxa colaboración fixo posible que este proxecto se convertese en realidade. «Esta primeira exposición filatélica supón un fito para A Caniza porque nos incorpora por vez primeira ao mapa das grandes citas filatélicas de Galicia e contribúe a poñer en valor a nosa historia postal e a relevancia da Festa-Feira do Xamón, un dos grandes sinais de identidade do noso concello. Quero expresar o meu máis sincero agradecemento a FEGASOFI e á Sociedade Filatélica Miño polo seu compromiso, colaboración e traballo para facer realidade esta iniciativa, que deixa unha pegada permanente na historia postal de A Caniza».

A exposición reúne pezas e documentos de gran interese para as persoas afeccionadas á filatelia e para todas aquelas interesadas na historia local.

Entre os seus principais atractivos destacan as coleccións de selos dedicadas á gastronomía e á cultura galega; a historia postal da Caniza, que inclúe a primeira marca prefilatélica do municipio; a presentación do primeiro cuño conmemorativo da LX Edición da Festa-Feira do Xamón da Caniza; a emisión limitada da primeira tarxeta postal conmemorativa desta emblemática celebración e, por primeira vez na historia postal do municipio, a exhibición do selo personalizado emitido por Correos para conmemorar o 60º aniversario da Festa-Feira do Xamón da Caniza, unha peza filatélica creada expresamente para homenaxear unha das celebracións gastronómicas máis representativas de Galicia.

 

O valor da filatelia como ferramenta para preservar e difundir a historia

A exposición complétase con quince coleccións filatélicas, trece pertencentes á Sociedade Filatélica Miño e dúas cedidas pola Sociedade Filatélica da Coruña, que ofrecen un amplo percorrido pola historia postal, a gastronomía, o viño e o patrimonio cultural galego. Entre elas inclúense coleccións dedicadas ao Ribeiro e á súa Denominación de Orixe, ao mundo vitivinícola, á gastronomía, á historia postal da Caniza, aos homenaxeados nas Letras Galegas, aos hórreos como símbolo de identidade, a Rosalía de Castro, aos afiadores, aos cruceiros e a outras manifestacións representativas do patrimonio material e inmaterial de Galicia.

A través destas coleccións, a mostra pon de relevo o valor da filatelia como ferramenta para preservar e difundir a historia, a identidade e as tradicións do noso país.

 

De 12h a 14h a Oficina de Correos da Caniza trasladouse á Casa do Concello, funcionando como unha estafeta temporal.

Como novidade destacada da xornada inaugural, entre as 12:00 e as 14:00 horas, o Salón de Plenos acolleu unha Oficina Temporal de Matasellado, onde as persoas asistentes puideron estampar o cuño conmemorativo en cartas, sobres e tarxetas postais. Esta iniciativa permitiu aos coleccionistas e ao público en xeral obter un recordo único desta primeira exposición filatélica e da celebración do sesenta aniversario da Festa-Feira do Xamón.

En canto á tarxeta postal conmemorativa da 60ª edición da Feira do Xamón, de tirada limitada, poderá adquirirse nas oficinas xerais, previo pagamento de 1,50 euros (a aboar con tarxeta bancaria).

Coa celebración desta primeira exposición filatélica, o Concello incorpora por vez primeira o municipio ao mapa das grandes citas filatélicas de Galicia, poñendo en valor a súa historia postal e a relevancia da Festa-Feira do Xamón a través dunha mostra única que une patrimonio, cultura e tradición.

 

O CONCELLO DEIXA ASÍ A SÚA PEGADA NA HISTORIA POSTAL GALEGA!

 

Aquí deixamos o enlace ao catálogo de novas tarxetas con selo personalizado impreso de Correos, do que xa forma parte A Caniza: 

https://www.aceper.eu/TPF-SP.htm#Addendum_FERIA-XAMON

E máis información na páxina oficial da Federación Española de Sociedades Filatélicas: https://fesofi.es/noticias/proxima-exp-en-a-caniza-pontevedra/