As Clases Municipais de Taekwondo pechan a tempada cunha exhibición na Praza Maior

O Concello puxo o broche final á tempada das clases municipais de taekwondo coa celebración dunha exhibición na Praza Maior o pasado 16 de xullo. Durante corenta minutos, o alumnado, dirixido polo seu adestrador, Fidel Rodríguez, amosou ao público asistente as habilidades e técnicas adquiridas ao longo dos últimos meses.

A exhibición percorreu un amplo repertorio desta arte marcial, con demostracións de poomsae, técnicas de concentración, saltos, acrobacias, rompementos, patadas en salto e exercicios de risco. O programa incluíu tamén defensa persoal masculina e feminina, freestyle e combate.

Ao comezo do acto, o Alcalde fixo entrega dun pequeno agasallo ao alumnado como recoñecemento ao esforzo, á dedicación e á constancia demostrados durante a tempada nas clases impartidas no ximnasio municipal.

Esta exhibición permitiu compartir coa veciñanza o traballo desenvolvido ao longo do curso e poñer en valor o compromiso do alumnado e a labor formativa do seu adestrador, Fidel Rodríguez, responsable das clases municipais de taekwondo.

O alcalde felicitou ao alumnado, ao adestrador e ás familias pola súa implicación e apoio, salientando que a práctica do taekwondo favorece o desenvolvemento de valores fundamentais como o respecto, a disciplina, a superación persoal e o compañeirismo.

Como recordo desta xornada, o Concello comparte unha mostra fotográfica da exhibición, que recolle algúns dos momentos máis destacados.

Noraboa a todas e todos!