O Club Balonmán Caniza e o Concello presentan o Entroido de Verán 2026, unha gran xornada festiva e unha das citas máis esperadas do calendario estival do municipio que se celebrará este sábado 25 de xullo cunha intensa programación de actividades dirixidas a todos os públicos.
O acto de presentación estivo encabezado polo presidente do CBC, Marcos Estévez e o Alcalde Luis Piña. Tamén participaron, en representación da organización do evento, Ismael Lago e Montse Pérez, así como os concelleiros do equipo de Goberno Eva María Rivas e Miguel Anxo Gómez. Marta Rey e Sandra Fidalgo representaron ao Comercio Local.
Durante a presentación salientouse o importante traballo desenvolvido durante os últimos meses para facer posible unha nova edición do Entroido de Verán, froito da colaboración entre o Club, o Concello e tamén o comercio local co obxectivo de seguir consolidando este evento como un referente festivo e un importante atractivo turístico e económico para o municipio.
Na súa intervención, o Alcalde quixo recoñecer publicamente o esforzo e a dedicación de todas as persoas que fan posible esta celebración: "Quero agradecer publicamente o enorme traballo que está a realizar o Club Balonmán Caniza e toda a gran familia que hai detrás deste proxecto. Levan meses traballando de maneira totalmente desinteresada, dedicando moitas horas do seu tempo para organizar un Entroido de Verán que cada ano medra en calidade, participación e repercusión.”
Luis PIña destacou ademais que esta celebración vai moito máis alá do compoñente festivo. "O noso obxectivo é que veciños e visitantes desfruten dunha xornada inesquecible, pero tamén que o Entroido de Verán contribúa a dinamizar a economía local, polo que tamén agradezo a contribución dos nosos comercios locais”.
Lembrou así mesmo o firme compromiso do Concello con esta iniciativa."Desde o Concello seguiremos apoiando este evento porque cremos nel e en todo o que representa para a Caniza. Colaboramos tanto na organización como no financiamento de diferentes aspectos da celebración e, entre outras achegas, asumimos integramente a dotación económica de todos os premios do concurso de disfraces. Os 1.500 euros destinados a premios serán entregados en forma de vales de compra que poderán trocarse nos comercios da Caniza ata o mes de outubro.
Un modelo de premios que xa forma parte da estratexia do Concello para apoiar o pequeno comercio de proximidade e dinamizar a economía local.
Durante a presentación, tanto o Club Balonmán Caniza como o Concello agradeceron a implicación de todas as persoas voluntarias, patrocinadores, colaboradores e establecementos participantes que fan posible un evento que, edición tras edición, continúa medrando en organización, participación e repercusión.
Ademáis animaron a toda a veciñanza e aos visitantes a participar nesta nova edición e gozar dunha xornada na que non faltarán a música, os disfraces, a animación, a convivencia e o mellor ambiente, consolidando a Caniza como un dos grandes referentes festivos do verán no sur da provincia de Pontevedra.
Podedes consultar toda a programación do Entroido nas redes do Entroido de Verán A Caniza 2026:
https://www.facebook.com/share/1BpzCmcijq/?mibextid=wwXIfr
https://www.instagram.com/entroidoverancaniza?igsh=MTIwcWZueHdseGtjZw==
Programación:
A programación comezará pola mañá cunha zona infantil na Praza Maior, onde os máis pequenos poderán gozar de inchables, pintacaras, obradoiros de creación de instrumentos musicais e unha batucada participativa.
Ao mediodía chegará a Sesión Vermú, amenizada pola Charanga SDK, que percorrerá as rúas da vila enchéndoas de música e ambiente festivo antes do inicio dos actos centrais da xornada.
Un dos momentos máis destacados será o pregón, que este ano correrá a cargo dos cañicenses Brais e Junior, integrantes do equipo Terra Xamón, en recoñecemento á súa recente participación no UNIRAID 2026, unha aventura solidaria na que percorreron preto de 3.000 quilómetros por Marrocos repartindo material entre comunidades desfavorecidas. A organización quixo recoñecer con esta elección os valores de solidariedade, esforzo e compañeirismo que representan ambos os dous veciños.
Como é tradición, o Entroido de Verán volverá ter como gran protagonista o desfile e concurso de disfraces, a partires das 19h, que repartirá máis de 1.500 euros en premios entre as distintas categorías de participación, fomentando a creatividade e a implicación de comparsas, grupos, parellas e participantes individuais.
A organización lembrou que é necesario formalizar previamente a inscrición para poder optar aos premios.
Despois da entrega de premios prevista para as 21:30h, a programación continuará cunha gran festa nocturna protagonizada por un amplo cartel de DJs formado por Samu Pexe, Iván Alonso, Khris Guez, Diego Mei, Joy Rúa, Gustavo Álvarez e Tibú, que porán o broche final a unha xornada concibida para gozar da festa ata a madrugada.