O Campamento Urbano 2026 da Caniza chegou ao seu remate tras un mes de actividades no que participaron un total de 180 nenos e nenas, distribuídos en dúas quendas: 95 menores nos primeiros 15 días de xullo e 85 na segunda, que se desenvolveu do 16 ao 31.
Así o comentou o Alcalde, Luis Piña, tras visitar o pasado 31 de xullo aos pequenos inscritos na segunda quenda, coincidindo coa xornada de clausura do campamento. Durante a súa estancia compartiu con eles distintos momentos da festa de despedida e repartiu golosinas entre todos, repetindo o xesto que xa tivera durante a súa visita á primeira quenda.
O Alcalde sinalou que, un ano máis, o Campamento Urbano cumpriu o obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán, ao tempo que ofrece aos máis pequenos unha alternativa de lecer saudable baseada na práctica de actividades deportivas, recreativas e educativas no medio rural, sempre baixo a supervisión de persoal especializado.
Ao longo do mes de xullo, os nenos e nenas gozaron dun completo programa de propostas nas instalacións do CPI da A Caniza, na piscina municipal das Grades e en diferentes espazos naturais do municipio. Xogos, actividades deportivas, rutas de sendeirismo, talleres, propostas acuáticas e o coidado da pequena horta creada no centro formaron parte dunha programación deseñada para fomentar hábitos de vida saudables, o respecto polo medio ambiente e a convivencia.
O Campamento Urbano 2026 contou cun equipo de 11 monitores especializados e estivo subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade, ao abeiro do Plan Corresponsables para entidades locais, cunha achega de 18.665 euros.