NovasIr a esta sección

O Concello aproba en Pleno a adhesión ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía
Data de publicación: 24 de febreiro de 2021

cuxo obxectivo é implicar a todas as localidades para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro e a loita contra o cambio climático.

O Concello da Cañiza aprobou no Pleno extraordinario celebrado hoxe co voto a favor do Grupo de Goberno e a abstención do Grupo Popular, a súa adhesión ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, unha iniciativa da Comisión Europea, cuxo obxectivo é implicar ás cidades da UE na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e a loita contra o cambio climático.

A proposta, impulsada polo Alcalde Luis Piña, implica o compromiso de reducir as emisións de dióxido de carbono no municipio nun 40%, como mínimo, de aquí a 2030, así como os de adoptar medidas locais de adaptación ás repercusións do cambio climático e mitigar a pobreza enerxética na Cañiza, entre outros.

O Alcalde destaca que esta iniciativa é unha mostra máis da implicación do Consistorio e da veciñanza coa protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.

Tras a adhesión a este Pacto, nos vindeiros días dende o Concello encargarse a elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) no que se definirán as medidas deseñadas para cumprir os compromisos adoptados.

O PACES inclúe un inventario de referencia de emisións (IRE) e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Ademais, cada dous anos o Concello deberá presentar un informe de seguimento do PACES. Sectores como os municipais, residenciais e terciarios e o transporte considéranse sectores clave para a mitigación.

Dende o Concello concentraremos todos os esforzos en reducir a demanda de enerxía e adaptar a demanda enerxética á oferta promovendo a utilización de recursos enerxéticos locais.

 Un dos problemas ambientais máis importantes e que nos afecta a todos, é a loita contra o cambio climático. Aínda que este se presenta como un fenómeno de dimensións globais que debe ser abordado no ámbito internacional, o feito é que a súa solución pasa, necesariamente, polo traballo conxunto de todos os sectores da sociedade, incluídos os diferentes niveis administrativos e, dentro destes, mención especial merece o labor dos concellos pola súa proximidade e relación directa cos cidadáns.

compartir

axenda