NovasIr a esta sección

A Corporación votará no Pleno Ordinario do 15 de abril a adhesión do Concello ao Convenio para a constitución do GES na Cañiza (Grupo de Emerxencias Supramunicipal)
Data de publicación: 14 de abril de 2021
A implantación do GES na Cañiza supón que o Concello terá que contratrar a 12 traballadores que entrarán a formar parte da súa estructura . A pesares de que contará cunha importante base de financiación é posible que se produzan situacións de tensión na tesourería, debido ás circunstancias económicas polas que atravesa o Concello en canto a solvencia.

 

  • Segundo explicou o Alcalde Luis Piña esta mañá, con esta adhesión A Cañiza entra a formar parte das 35 localidades onde se sitúan os 29 GES de Galicia, pasando de pertencer do GES de Ponteareas a ser Sede para os concellos de Arbo, Crecente e Covelo.

 

  • O Grupo estará financiado pola Xunta, a través da Vicepresidencia I e a Consellería de Medio Rural nun 52,5% e pola Deputación de Pontevedra cun 40%. O Concello terá que aportar un 7,5 %.

 

  • Este Grupo especialista de proximidade será multidisciplinar e intervirá en situacións de risco en todo o territorio da comarca da Paradanta: incendios urbanos, industriais, forestais, excarcelación de accidentes de tráfico, primeiros auxilios, prevención de incendios, realización de rozas e cortalumes, retirada de animais que poidan causar riscos, serán algunhas das moitas funcións que terán asignadas.

 

  • O seu obxectivo será atender á poboación no menor tempo de resposta posible.

 

Segundo informou hoxe o Alcalde Luis Piña, na sesión plenaria que se celebrará mañá 15 de abril, ás 20h, se votará a solicitude de adhesión do Concello da Cañiza ao Convenio Marco suscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias FEGAMP e a Deputación de Pontevedra en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos grupos de emerxencias supramunicipais, tamén coñecidos como GES.

Entre os criterios para outorgar o GES da Cañiza influiu a poboación que atenderá, a localización en zona de montaña con alto risco de incendio e a estratéxica situación en canto a vías de comunicación e de despliegue rápido. Tamén a existencia de medios e recursos municipais que en todo momento estiveron a disposición dende o Concello.

O Ges terá entre as súas funcións a intervención en incendios forestais e tamén urbanos, no noso ámbito territorial e atenderán a Emerxencias de Galicia cando ésta o requira. No caso de incendios forestais coordinarase técnicamente co Distrito Forestal. Ademáis manterán as faixas de prevención de biomasa e defensa contra incendios, investigarán a propiedade das faixas de biomasa particulares que supoñan risco de incendio e desenvolverán prácticas preventivas mediante rozas e cortalumes.

Tamén realizará actuacións de “prevención” da vespa velutina (non retirada), mantemento da rede de estradas, intervencións en situación derivadas de riscos naturais e riscos provocados polas persoas. Colaborará coas autoridades competentes en materia de protección civil, retirará animais feridos, mortos ou abandonados que poidan ocasionar un risco para a salubridade ou perigosidade debido a tipoloxía, raza ou estado do animal.

Eventualmente axudarán a garantir a sanidade e salubridade das persoas, dos espazos públicos e do medio ambiente. Desenvolverán calquera outra acción en materia de protección civil, emerxencias e medio ambiente, servizos sociais, culturais, educativos e deportivos e outros de competencia municipal vinculados a unha situación de emerxencia ou prevención da mesma e que sexa de interese público.

Para o Concello da Cañiza sufragar este Grupo vai ser duro xa que a pesares de ter un 93% de financiamento, os prazos das achegas das axudas poderán crear tensións na tesourería do Concello que está atravesando un dos momentos máis críticos da súa historia, debido á debeda en facturas contraídas.

 

 

 

compartir

axenda