CIRCO AÉREO co espectáculo HOXE SÍ da compañía SEMPRE ARRIBA
O circo aéreo e o clown chegan á Praza Maior da Cañiza con “Hoxe Si!” de Sempre Arriba
A programación do Verán de Lecer 2025 do Concello da Cañiza continúa coa súa aposta por espectáculos para todos os públicos. Nesta ocasión, será a artista multidisciplinar Marta Iglesias, coa súa compañía Sempre Arriba, quen encherá a Praza Maior de humor, poesía e acrobacias aéreas co seu espectáculo "Hoxe Si!".
Sobre a artista
Sempre Arriba é a compañía de clown e circo creada por Marta Iglesias, artista galega con formación en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, e especializada en artes escénicas en escolas como Oreka Zirko Eskola (Pamplona), International Clown School (Eivisa), Circo Criollo (Bos Aires) e Hangar des Mines (Francia). Alí afondou na pedagoxía do clown da man de Michel Dallaire.
Tras sete anos traballando como clown de hospital coa Fundación Theodora e colaborando con múltiples compañías de clown, improvisación, teatro de rúa e circo, Marta inicia en 2018 a súa carreira en solitario. Desde entón, crea e interpreta os espectáculos:
-
Oda ao Amor (2018) – Premio do Xurado ao Mellor Espectáculo no Encontro de Payasas Mulleres con Narices 2020 (Gran Canaria)
-
C’est pas Possible (2019)
-
Hoxe Si! (2023)
Este último, "Hoxe Si!", é un espectáculo no que o clown e a acrobacia aérea danse a man para crear un universo cómico e emotivo que conecta con todos os públicos.
Unha cita para non perder!
A actuación forma parte do programa Verán de Lecer 2025, promovido polo Concello da Cañiza, que busca levar a cultura e o entretemento aos espazos públicos durante os meses de verán.
? 7 de agosto | ? Ás 22:30 h | ? Praza Maior – A Cañiza