Día de Portas Abertas para coñecer o servizo de ATENCIÓN TEMPERÁ
O servizo de atención temperá son un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.
o Servizo está en activo dende o 1 de agosto do ano 2022 e préstase nos cinco concellos agrupados de A Cañiza, Melón, Mondariz, Mondariz Balneario e Covelo.
A empresa ACEESCA é a encargada de desenvolver este Servizo financiado ao 100% pola Xunta de Galicia.
A mercantil conta cun equipo de profesionais especializados en desenvolvemento infantil e atención tempera que se ocupan de valorar trastornos de desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, de autonomía, desenvolvemento da área social e afectiva e sobre todo apoio, información e formación para as familias.
Os beneficiarios deste programa son derivados polos Servizos de Pediatría de cada Concello.
A sede da Cañiza ten o enderezo no 1º andar do Edificio Multiusos da rúa Progreso 21 e os días de atención son os xoves e os venres.
O SERVIZO
A clave da atención temperá está en que canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Por iso as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normal dos seus fillos para detectar as dificultades con prontitude.
Dende o servizo de atención temperá ofrécese unha intervención biopsicosocial capaz de favorecer a adquisición e a recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais para mellorar a autonomía, a convivencia social e familiar e a inclusión social.
O venres, 21 de xuño, de 11h a 12h no 1º andar do Edificio Multiusos (rúa Progreso, nº 21)