Terceira actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos – Tui na Cañiza!
Esta edición será moi especial, xa que a Banda presentará en exclusiva unha partitura instrumental orixinal adicada ao noso municipio, como promesa feita polo director José Manuel Caballero durante o concerto do ano pasado. Esta peza será unha homenaxe musical á vila da Cañiza, froito da emoción e agradecemento coa que foron recibidos nas súas anteriores actuacións en 2023 e 2024.
Na súa traxectoria de 19 anos, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos ten consolidado un estilo propio, combinando tradición e innovación. Con arredor de 50 músicos en escena —gaiteiros, percusionistas, guitarristas, pianistas e mesmo voces—, ofrecen un espectáculo cheo de forza e sentimento.
A súa presenza neste evento reflicte o compromiso do Concello da Cañiza por achegar propostas culturais de alto nivel ao público local e visitante, fortalecendo o vínculo coa música tradicional galega e coa creación contemporánea.
A actuación terá lugar o 9 de agosto ás 23h na Praza Maior, dentro da programación do Verán de Lecer A Cañiza 2025.