Asistimos á presentación do libro «A Historia de Galicia en 30 obxectos» do cañicense David Gesteira
O Alcalde Luis Piña acompañou o pasado 8 de maio ao historiador e veciño da Cañiza David Gesteira, na presentación do seu primeiro libro que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello e que tamén contou coa presenza do editor César Lorenzo Gil.
Un acto no que o Alcalde agradeceu ao autor por ter escollido A Cañiza para a presentación desta 1ª edición, impresa pola Editorial Aira “Follas Voadoras” e que xa se pode adquirir nas librerías da Cañiza.
Unha publicación infantil que pretende manter vivo o pasado a través dos obxectos que custodian a memoria de Galicia.
“A lectura deste libro ofrece a posibilidade de viaxar entre 30 obxectos cotiáns como unha campá, un carro, unha moeda ou un reloxo, entre outros. Elementos que teñen o poder de comunicarnos coa historia da nosa Terra”, comentou o seu autor.
Polas páxinas desta publicación, con ilustracións de Miguel Robledo, pasan libros prodixiosos (Códice Calixtino, Como levar unha vida honesta e o Almanaque agrícola), ferramentas do pasado (biface, o martelo e o cincel), edificacións senlleiras e multitude de historias do noso pobo que converten este libro nunha auténtica xoia etnográfica para que tanto nenos como adultos desfruten da súa lectura.
O Alcalde rematou o acto felicitando ao noso veciño por esta fermosa obra, co desexo de que continúe a súa carreira como escritor e historiador e que a Casa Consistorial poida acoller moitas máis presentacións.
Noraboa por este gran traballo.