Camiño Medieval «ENTRE ABADÍAS» : un sendeiro que une o Mosteiro de Melón (Ourense) e o Santuario da Franqueira (Pontevedra)

  • Os curas de Melón e da Franqueira e Concelleiros do Goberno da Cañiza  supervisaron onte un tramo do sendeiro percorrendo os 8 km que separan a Fonte Santa, no Burgo (Melón) ata a zona turística “Carballo do Marco” na Cañiza.
  • O Alcalde Luis Piña recibiunos na Casa Consistorial para escoitar de primeira man as impresións e suxerencias  xurdidas despois de ter percorrido estes primeiros km de camiño.
  • Con toda probabilidade, o vindeiro 1 de agosto, abrirase o tramo de 10 km, ida e volta dende Melón - A Cañiza e a finais de outubro quedarán completamente sinalizados os 21,2 km, ida e volta de todo o camiño.
  • Tamén a partires do mes de outubro a Comisión Mixta presentará da man do párroco da Franqueira o Camiño dende este Santuario ata Santa María de Melón.
ENTRE ABADIAS

Pulsa neste enlace para coñecer a ruta  

 

O arcipreste de Ribadavia José Benito Otero e o cura Pablo César González e o cura da Franqueira, Xavier Alonso, xunto cos Concelleiros de Goberno  remataron onte unha xornada matinal que describiron como “camiño de crítica e suxerencias”, despois de percorrer os primeiros kilómetros do camiño medieval “Entre Abadías”.

Unha xornada que serviu non so para analizar a correcta transitabilidade e sinaléctica do camiño senón tamén para aportar suxerencias co ánimo de mellorar en todo o posible este antigo sendeiro que rexurde como un novo potencial turístico para todos.

 O Alcalde Luis Piña recibiu aos caminantes na Casa Consisorial para escoitar estas impresións e novas propostas de mellora.

 

RELANZAMENTO INSTITUCIONAL DESTE CAMIÑO CON MÁIS DE 800 ANOS DE HISTORIA

O pasado 11 de xullo, día de San Benito, Patrono de Europa, os Alcaldes da Cañiza, Luis Piña, e de Melón, Emilio Díaz, asinaron un Convenio Intermunicipal entre Concellos para relanzar este camiño, sumido ata o de agora no esquecemento, con máis de 800 anos de historia e que comunica o interior de Galicia.

Unha colaboración intermunicipal que segundo manifestaron os dous Alcaldes se rubricou para avanzar xuntos e continuar colaborando sempre para favorecer os intereses das veciñas e vecinos dos dous municipios.

A sinatura deste convenio ten por obxecto enmarcar e coordinar a actuación de relanzamento turístico do camiño histórico que atravesa os  municipios da Cañiza e de Melón «ENTRE ABADÍAS» camiño da Franqueira. A súa finalidade é potenciar o tecido económico e turístico dos dous concellos.

 

TRAZADO DO CAMIÑO MEDIEVAL «ENTRE ABADÍAS»

O camiño real discorre desde as portas do consistorio de Melón, bordeando as murallas do mosteiro de Sta. María polo precioso núcleo-aldea  de “A Ponte”, Curuxal, Costa de Cuco, Seoane.., San Benito de Burgo – Fonte Santa e entra na provincia de Pontevedra pola magnífica carballeira de O Barazal- xa na parroquia de Oroso, na Cañiza. Sempre silencioso e paralelo ás grandes infraestruturas de comunicación actual: Autovía A-52 e  Nacional N-120.

Pasando á beira da reitoral de Igrexa-Oroso, entronca cara ao centro urbano - zona con todos os servizos - pasando polas rúas Vilanova, Oriente, Carmen e Botica. Entra á zona deportiva polo carreiro en terra de Cigarrosa.

Desde a zona recreativa Carballo do Marco, o camiño continúa pola IGREXA DE SAN SEBASTIAN de Achas ( asilo sacro) , pasando pola Ponte de Achas , Moledo de Sobradelo, Gabián, Cerdeiredo…polo camiño, taberna da Canda  “vello” hasta “chan de Bidueiros”, moi preto xa do santuario da Franqueira.