O Alcalde Luis Piña informou da celebración este sábado dunha xornada informativa dirixida ás comunidades de usuarios de auga da Cañiza, na que participaron representantes de diversas traídas veciñais de todo o municipio. O encontro tivo lugar no Salón de Plenos e contou coa participación da empresa cañicense Rodespi, encargada de impartir a sesión dentro dun programa provincial promovido pola Deputación de Pontevedra.
A xornada, titulada “Mellora da xestión da auga no ámbito rural da provincia de Pontevedra a través do empoderamento, apoio e posta en valor das comunidades de usuarios de auga”, tivo como obxectivo achegar información práctica sobre a xestión, mantemento e control sanitario das traídas de auga no ámbito rural.
Durante a sesión abordáronse cuestións clave para as comunidades de usuarios, como o Plan Sanitario da Auga (PSA), o control da calidade da auga, os procedementos axeitados para a toma de mostras, o mantemento das instalacións e as obrigas legais que deben cumprir as comunidades responsables destes sistemas de abastecemento.
Así mesmo, informouse ás persoas asistentes sobre as liñas de subvención +NOVAQUA e +AQUA 2026, impulsadas pola Deputación de Pontevedra, destinadas a apoiar ás comunidades de usuarios na mellora, regularización e modernización das súas infraestruturas de abastecemento.
Segundo explicou o Alcalde este tipo de iniciativas “son fundamentais para reforzar o papel das comunidades de usuarios, que realizan unha labor imprescindible no mantemento dos sistemas de abastecemento no rural, garantindo o acceso á auga en moitas parroquias do municipio”.
Durante a xornada tamén se expuxeron algúns dos riscos que poden afectar á calidade da auga nos sistemas de abastecemento, dentro da aplicación do Plan Sanitario da Auga. Entre eles citáronse riscos microbiolóxicos, como a posible presenza de bacterias ou virus; riscos químicos, derivados de substancias como nitratos ou pesticidas procedentes de actividades agrícolas; e riscos físicos, como sedimentos ou partículas que poden afectar tanto á calidade da auga como ao funcionamento das instalacións.
Estes contidos permitiron ás comunidades asistentes comprender mellor como identificar posibles ameazas nos seus sistemas de captación e distribución e como aplicar medidas preventivas para garantir a seguridade da auga que chega aos fogares.
A sesión incluíu ademais un espazo aberto para consultas, no que as comunidades de usuarios puideron formular dúbidas e compartir experiencias sobre a xestión diaria das traídas veciñais.
No remate da sesión o Alcalde agradeceu a participación dos veciños, destacando o interese amosado, subliñando que:
“este tipo de encontros son fundamentais para mellorar a coordinación, compartir coñecemento e seguir avanzando nunha xestión máis segura e eficiente da auga no rural de A Cañiza”.
Galería multimedia