A Cañiza acollerá o Campionato Galego de Freestyle Street Park 2026 - Xunta de Galicia

Baixo o lema #UneteAUnity, o municipio prepárase para acoller unha cita destacada dentro do calendario galego de freestyle.

O alcalde, Luis Piña, presentou esta mañá o Campionato Galego de Freestyle Street Park 2026, acompañado polo presidente e a secretaria do club organizador, Iván Malvido e Ana Belén Gutiérrez.

Esta nova cita co deporte urbano celebrarase o vindeiro 19 de abril no skatepark municipal da Cañiza. O evento está organizado polo Club Rollerblading Unity, en colaboración coa Federación Galega de Patinaxe, a Xunta de Galicia e o Concello da Cañiza, e conta co patrocinio de diversas entidades vinculadas ao ámbito deportivo.

A competición reunirá patinadores e patinadoras de toda Galicia nunha proba federada da modalidade de freestyle agresivo (Aggressive Roller), na que se porán a proba a técnica, a creatividade e a habilidade das persoas participantes nun contorno urbano adaptado.

O campionato contará con diferentes categorías, co obxectivo de fomentar a participación en todas as idades:

  • Sub 10 mixta
  • Sub 15 masculino e feminino
  • Sub 19 masculino e feminino
  • Sénior mixta

Antes do campionato, que se desenvolverá pola tarde entre as 15:00 e as 19:00, terán lugar pola mañá, de 10:00 a 13:00, probas de nivel nas modalidades de Street e Skatepark, co obxectivo de facilitar un acceso progresivo á competición.

Na presentación, o alcalde destacou a importancia deste tipo de iniciativas para promover o deporte entre a mocidade e dinamizar a vida social e deportiva do municipio. Así mesmo, lembrou que esta é a terceira cita de deporte urbano nos últimos 30 días no skatepark da Cañiza, consolidando esta instalación municipal como un referente:

A celebración destes campionatos consolida A Cañiza como un espazo de referencia para a práctica de deportes urbanos en Galicia”, subliñou.

Finalmente, Luis Piña animou á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao skatepark municipal para gozar dunha nova xornada de deporte urbano, na que o talento, a convivencia e o espectáculo estarán garantidos.

 

A Cañiza acollerá o Campionato Galego de Freestyle Street Park 2026 da Xunta de Galicia

 

A Cañiza acollerá o Campionato Galego de Freestyle Street Park 2026 da Xunta de Galicia