Tal e como informou esta mañá o Alcalde Luis Piña, o 18 de abril celebrouse na parroquia de Parada esta actividade supervisada e dirixida polos guías Jesús Tizón, Saba González e Diego Diz, enmarcada no ciclo “15 días de Bolboretas”, organizada por SOCEME e a asociación MundoArtrópodo, en colaboración co Concello da Caniza.
O Alcalde, que tamén participou na xornada sumándose na parte final, acompañado da Tenente de Alcalde María José Rodríguez, destacou as excelentes condicións naturais da zona e a súa grande riqueza en biodiversidade, subliñando a importancia deste tipo de iniciativas para a posta en valor e conservación do patrimonio natural do municipio.
“A pesar de que a xornada comezou con ceos cubertos e baixas temperaturas, as condicións meteorolóxicas melloraron cara ao mediodía, momento de inicio da actividade, permitindo gozar dunha mañá primaveral con ceos despexados e temperaturas axeitadas para a observación de bolboretas”, comentaron os organizadores.
A actividade comezou na Ponte do Río Calvo, punto número 1 da ruta de sendeirismo “Fragas e Levadas do Calvo e o Deva”. Dende alí, os participantes realizaron un percorrido de 2 km no que se levou a cabo o rexistro de especies e exemplares observados.
O evento contou coa participación dos fotógrafos María José Silva, Carlos Velasco, Jesús Tizón e Elisa García, que documentaron a xornada.
Durante a actividade identificáronse un total de 18 especies de bolboretas diúrnas, xunto con varias eirugas, crisálidas e algunhas especies nocturnas.
Dende a inauguración oficial do transecto, o pasado 23 de marzo, contabilizáronse xa 24 especies de lepidópteros diúrnos. Rexistros previos indican que esta cifra podería chegar ao medio cento de especies, o que pon de manifesto a notable riqueza ecolóxica da zona.
Esta iniciativa contribúe ao coñecemento e seguimento da biodiversidade local, así como á sensibilización ambiental, consolidando o transecto “Río Calvo – O Feal” como un espazo de interese para o estudo e conservación dos lepidópteros.
Especies rexistradas
Bolboretas diúrnas:
- Aglais io
- Anthocharis cardamines
- Celastrina argiolus
- Coenonympha pamphilus
- Colias crocea
- Euphydryas aurinia
- Glaucopsyche melanops
- Gonepteryx rhamni
- Iphiclides feisthamelii
- Leptidea sinapis
- Lycaena tityrus
- Melitaea phoebe / pseudornata
- Melitaea trivia
- Pararge aegeria
- Pieris brassicae
- Pieris napi
- Pieris rapae
- Polyommatus icarus
Eirugas:
19. Melitaea sp.
20. Vanessa atalanta
Crisálidas:
21. Euphydryas aurinia
Bolboretas nocturnas:
22. Phragmatobia fuliginosa
23. Euclidia glyphica
24. Pseudophantera macularia
Galería multimedia