A Cañiza celebrou este fin de semana a 1ª edición do Campionato de España de Team Cross

O Concello da Cañiza acolleu esta fin de semana, 28 e 29 de marzo, unha destacada cita deportiva de ámbito estatal coa celebración da 1ª edición do Campionato de España de Team Cross, xunto coa Copa de España e a Liga Nacional de Skate Cross.

O evento reuniu a deportistas que competiron nas categorías de Sub-13, Sub-16, Sub-19 e sénior, tanto masculina como feminina, nun formato dinámico que combinou fases contrarreloxo e eliminatorias ata as finais.

O Skate Cross, unha modalidade en auxe, ofreceu un gran espectáculo ao público ao combinar carreiras en circuítos con obstáculos, curvas e zonas de velocidade. Ademais, o programa incluíu probas de Skate Cross (carreiras eliminatorias) e Team Cross (relevos por equipos), dentro do sistema oficial estatal que puntúa para a Copa de España e a Liga Nacional.

A competición celebrouse no Skate Park da Cañiza, unha instalación de referencia en Galicia situada na rúa Silleda, con máis de 3.300 m² e espazos adaptados para distintas disciplinas urbanas como skate, BMX, scooter e patinaxe en liña.

A entrega de premios contou coa presenza do Alcalde da Cañiza, Luis Piña, e da concelleira Eva María Rivas. Durante o acto, o alcalde quixo agradecer expresamente á Real Federación Española de Patinaxe e á Federación Galega de Patinaxe por escoller esta instalación para a celebración desta proba, así como felicitar ao Club Meiga Rodas polo excelente labor desenvolvido na organización do evento.

Así mesmo, Luis Piña felicitou a todos os participantes e gañadores polo esforzo e nivel deportivo amosado, e agradeceu o apoio e a implicación de veciñanza e visitantes, que contribuíron a crear un ambiente excepcional nesta fin de semana de finais de marzo.

Desde o Concello da Cañiza destácase o impacto positivo deste tipo de eventos, tanto a nivel deportivo como económico e turístico, ao atraer participantes e público, especialmente da provincia de Ourense, reforzando o posicionamento do municipio dentro do calendario estatal.