O Concello da Cañiza estivo presente na Feria Internacional de Turismo (FITUR), celebrada en Madrid a pasada semana, a través da delegación do Xeodestino Condado Paradanta, integrada no GDR Terra e Auga. A presentación do proxecto tivo lugar o 22 de xaneiro, cunha proposta baseada na sostibilidade, a enogastronomía e a valorización dos atractivos locais.
O Alcalde Luis Piña, asistiu á feira formando parte desta delegación, destacando a importancia de FITUR como escaparate internacional para dar a coñecer os recursos naturais, culturais e gastronómicos do Municipio.
Durante a promoción realizada en Madrid, Luis Piña puxo en valor os investimentos realizados ao longo de 2025 no ámbito do turismo paisaxístico e patrimonial, ano no que se apostou pola creación e mellora de infraestruturas que permiten descubrir o noso territorio .
Entre estas actuacións destaca a creación de novos miradoiros paisaxísticos, como os do Montouto e do Monte Lapido, que ofrecen vistas privilexiadas da contorna natural e se integran na rede de espazos de observación e disfrute da paisaxe do xeodestino.
Ademáis o Alcalde subliñou o traballo desenvolvido arredor da Citania Castrexa das Grades, un dos proxectos estratéxicos do Concello en materia de recuperación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico, co obxectivo de incorporalo á oferta turística e cultural da Cañiza.
No ámbito gastronómico, en FITUR tamén se promocionaron eventos e produtos emblemáticos do municipio, como a Feira do Xamón, que se celebra cada 15 de agosto e que é unha das citas gastronómicas máis consolidadas e recoñecidas de Galicia. Xunto a ela, tiveron un papel destacado os cocidos cañicenses, auténtico sinal de identidade local e un dos principais reclamos da tempada invernal, que atrae cada ano a milleiros de visitantes.
Segundo sinalou o alcalde, “a participación en FITUR permítenos amosar unha Cañiza que combina paisaxe, patrimonio e gastronomía, cun modelo turístico baseado na calidade, na autenticidade e no respecto polo territorio”.
Con esta presenza en FITUR, o Concello reafirma a súa estratexia de promoción turística sostible, orientada a consolidar A Cañiza como destino de referencia dentro do interior de Galicia, apoiándose nos seus recursos naturais, culturais e gastronómicos.