Carmela Silva volveu hoxe á Cañiza para acompañar á artista urbana Amaia Arrazola no inicio do mural de igualdade
- A Presidenta da Deputación visitou de novo A Cañiza. Nesta ocasión para estar presente, xunto co Alcalde Luís Piña, no arranque do mural de pintura da artista vasca Amaia Arrazola. Unha creación que presidirá a entrada á piscina climatizada, inaugurada tamén este luns.
Unha fermosa representación mural de 8 metros de longo por 4 de alto que permanecerá fixa na entrada á piscina climatizada e que está subvencionada pola Deputación de Pontevedra, enmarcada dentro do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”.
Un programa que nace en 2015 da necesidade de reivindicar a loita contra as violencias machistas desde a cultura e a arte. O Programa sae as rúas co fin de seguir movilizando conciencias e implicar a toda a cidadanía con máis de 160 accións en toda a provincia. Entre elas ocupar o espazo público con accións artísticas reivindicativas e de forma permanente, con intervencións de arte urbana para amosar que #HaiMulleres con gran talento, como neste caso Amaia, unha artista do muralismo que hoxe comeza a deixar a súa pegada no noso Concello.
Unha acción dirixida á figura feminina e que representa tres etapas dunha mesma muller. A muller nena, adulta e maior. Tres momentos representados en tres perfís de testas enchidas de ideais, pensamentos, sentimentos, proxectos, ilusións e recordos, que sendo distintos, permanecen na mesma muller e completan a súa esencia.
AMAIA ARRAZOLA
Amaia (Vitoria-Gasteiz, 1984) chega a Barcelona en 2010 despois de pasar algúns anos traballando no mundo da publicidade. Desde entón, desenvolve os seus proxectos creativos, alternando a ilustración publicitaria co debuxo editorial e cos traballos murais de gran formato. Nos últimos anos colaborou con numerosos clientes, participou en festivais de arte urbana, pintou murais en lugares próximos e afastados, deu charlas e conferencias e publicou varios libros, tanto para grandes coma para pequenas e pequenos.