DECLARACIÓN INSTITUCIONAL FEGAMP de «Solidariedade e apoio á veciñanza e aos Concellos afectados pola "DANA"»

A consternación continúa nas entidades locais galegas pola catástrofe provocada nas provincias de Albacete, Cuenca, Málaga e, sobre todo, Valencia, pola recente DANA. Os seus efectos arrasaron numerosas localidades, provocando una situación de total de destrución.

A perda de vidas humanas como consecuencia das riadas está a supoñer unha traxedia inédita no noso país, superando amplamente as duascentas vítimas, e aínda poden ser máis xa que continúan desaparecidas decenas de persoas.

Fronte a esa inmensa situación de emerxencia, na primeira liña de intervención no rescate e auxilio das vítimas estiveron os servizos de protección civil e emerxencias, as forzas e corpos de seguridade do Estado e os propios concellos afectados, como administración máis próxima, tentando evitar unha desgracia aínda maior. Inmediatamente, toda as administracións, dende o Goberno de España, Generalitat Valenciana, deputacións e concellos próximos interviñeron co obxectivo de atender e apoiar á veciñanza afectada nas situacións máis graves e, sobre todo, na busca das persoas desaparecidas.

Unha vez máis, hai que destacar o compromiso solidario e voluntario de todas as persoas que tamén, dende o primeiro momento, están a achegar a súa colaboración en todas as tarefas de limpeza e apoio á veciñanza afectada. Ten que ser un motivo de orgullo.

Dende que se tiveron as primeiras informacións da catástrofe, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) contactou coas federacións homólogas da Comunitat Valenciana e de Castilla La Mancha, para achegarlles a nosa solidariedade e poñernos á súa disposición no que puideramos colaborar. Ao mesmo tempo, contactouse coa Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) para coordinar a información e as comunicacións aos concellos e deputacións galegas sobre as necesidades de apoio que se estaban a solicitar dende as institucións e os concellos afectados.

Tamén en Galicia procedemos a coordinarnos coa Delegación do Goberno e co goberno da Xunta de Galicia, tendo solicitada a xuntanza de coordinación que finalmente se celebrou o pasado sábado 2 de novembro, na que se priorizou recadar todo o apoio posible, tanto de persoal como de recursos materiais e loxísticos, dos concellos e deputacións con servizos de emerxencias e grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

Paralelamente e dende o primeiro momento, os concellos e as deputacións galegas promoveron a recollida solidaria de alimentos, roupa, materiais de limpeza persoal e doméstica, cuxo envío ás zonas afectadas está tamén a ser coordinado, atendendo as indicacións recibidas principalmente dende a Federación Valenciana de Municipios y Provincias (FVMP).

A situación nos concellos afectados continúa sendo moi difícil, polo que resulta imprescindible continuar cos dispositivos de solidariedade coordinada nos que FEGAMP estamos a intervir, directamente coa FVMP, e en coordinación coa FEMP, coa Xunta de Galicia e coa Delegación do Goberno en Galicia. Deste xeito, o municipalismo galego vai manter o seu apoio aos concellos afectados e ás súas veciñanzas.

Dende a Comisión Executiva da FEGAMP quérese destacar a unidade de todos e todas diante desta catástrofe, avaliando o traballo dos servizos de Protección Civil e Emerxencias, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Unidade Militar de Emerxencias.

A FEGAMP tamén quere salientar o compromiso das persoas voluntarias desprazadas ata as zonas afectadas para axudar en todo o necesario, con especial mención ao persoal de emerxencias desprazado dende Galicia.

Por último, A FEGAMP reitera a súa solidariedade e apoio ás familias das vítimas, ás persoas damnificadas e aos concellos afectados.