Este sábado inauguramos o novo ximnasio habilitado dentro do pavillón municipal da Cañiza.

O Alcalde Luis Piña, acompañado da 1ª Tenente de Alcalde María José Rodríguez e Concelleiros do Goberno e da Corporación, xunto co Presidente do Club Balonmán Cañiza, Marcos Estévez, do Deputado Provincial e Alcalde de Porriño, Alejandro Lorenzo e do Presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López Molina, inauguraron este sábado a nova instalación que nace da necesidade por parte do CBC de invertir o premio recibido en 2023 por  parte da empresa IBERDROLA na categoría “Supera Competición”. Un premio outorgado a 6 proxectos de entre 900 candidaturas presentadas. Un dos gañadores foi o CBC co proxecto «La fuerza del deporte femenino en el rural» .

Unha dotación de 50.000€ para a adquisición de máquinas destinadas a ximnasio. Neste acto tamén contamos coa presenza de representantes deste grupo empresarial así como dos membros da xunta directiva do CBC,  socios e  xogadoras e xogadores, principais beneficiarios e auténticos protagonistas desta inauguración.

A esta cita tamén acudiu o arquitecto e director de obra, Pedro González Souto e representantes da empresa ML GLOBAL SLU,  constructora do novo ximnasio. Unha instalación de 55.62 m2 cunha arquitectura moderna e lixeira, deseñada con materiais  vanguardistas e homoxeneizada plenamente co interior do pavillón, que lle da un valor engadido a todo o conxunto.

O Alcalde puxo en valor a capacidade do Concello de dar resposta  en 7 meses á petición realizada polo Club para construir este novo ximnasio.  

Unha actuación que o Concello aceptou e valorou positivamente considerando a calidade deportiva do balonmán dentro do noso Concello, con dous equipos de élite en Primeira División. Ensalzou tamén o traballo de visibilización da “Marca Cañiza” e a gran labor de embaixadores do noso Concello que o club realiza nos seus desprazamentos así como o impagable traballo de educación en valores que trasmiten aos nenos no exercizo desta disciplina deportiva.

Todas estas circunstancias se tiveron en conta por parte do Equipo de Goberno para investir 77.081,55€ na obra. Unha cantidade que o Concello xa tiña destinada a outras actuacións con cargo aos fondos do Plan territorial +Provincia 2024 da Deputación que o Concello recibe todos os anos, pero que debido á premura de instalar as máquinas de ximnasio, para xustificar a percepción do premio de Iberdrola por parte do Club de Balonmano, era necesario priorizar.

Un exemplo máis de aposta, apoio e compromiso do Equipo de Goberno Municipal co noso deporte e co Balonmán “deporte de élite do noso Concello”.

 

 

O Concello é o máximo patrocinador do Balonmán na Cañiza.

Na inauguración deste sábado o Alcalde deu a benvida a todos nun acto entrañable no que manifestou a súa satisfacción “por ter cumprido, unha vez máis, o compromiso de apoiar e traballar polo deporte e pola xuventude” e trasladou a vontade do Equipo de Goberno de “continuar mellorando as instalacións municipais en beneficio dos nosos deportistas”.

Luis Piña recordou a inversión do Concello en reformas e equipacións neste Pavillón que nos últimos 5 anos supera os 246.899,85€. Cantidade á que se suman os gastos de gasoil e de luz así como os 20.000,00€ anuais de subvención que o Club recibe do Concello e a posibilidade de poder explotar a cantina do Pavillón en exclusividade.

Respecto ao investimento destinado ao pavillón o Alcalde recordou que  “o Concello destinou 50.000€ para a mellora da cuberta e eliminación de humidades, 46.054,60€ para a reforma íntegra dun ala dos vestiarios e aseos, 25.000€ para a adquisición do videomarcador, e outros 48.763,70€ para a reforma da 2º ala dos vestiarios”.

Ademáis o actual Convenio asinado co club de 20.000,00€ anuais “lles aporta unha forte estabilidade económica xa que ten asegurado un pago mensual do Concello de 1.666,66€”

Todas estas actuacións responden á importancia que o Equipo de Goberno lle concede ao DEPORTE, neste caso ao balonmán, como un dos mellores instrumentos para fortalecer a educación en valores.