Exhibición do Alumnado da Escola Municipal de Taekwondo
Durante 40 intensos minutos, o alumnado de taekwondo do ximnasio municipal da Cañiza amosou o pasado 17 de xullo todo o aprendido ao longo do curso, guiado polo seu adestrador, Fidel Rodríguez.
A exhibición percorreu un amplo repertorio desta disciplina: técnicas de concentración, poomsae, saltos, acrobacias, rompementos, patadas en salto e técnicas de risco. Tamén incluíu defensa persoal masculina e feminina, freestyle, combate e loita con armas (nunchakus).
Na parte final do acto, o alcalde fixo entrega ao alumnado dun pequeno agasallo como recoñecemento polo esforzo, a dedicación e a constancia demostrados durante todo o curso.
Nesta ocasión participaron 21 dos 35 alumnos e alumnas que forman parte da Escola Municipal de Taekwondo da Cañiza. Todas e todos eles ofreceron unha brillante demostración do traballo realizado desde o inicio do curso escolar, que comezou no pasado mes de setembro e se prolongou ata este mes de xullo, preparando con ilusión a mellor exhibición posible para as persoas asistentes.
Un ano máis, o alcalde quixo felicitar e agradecer a toda esta gran familia deportiva —alumnado, adestradores, nais e pais— pola súa implicación, compromiso e apoio a esta disciplina que, ademais do deporte, promove valores como o respecto, a superación e o compañeirismo.
Noraboa a todos !
Galería multimedia