Finaliza o campamento de verán 2025 do Concello da Cañiza
O Campamento Urbano de Verán 2025 pechou as súas portas este xoves, 31 de xullo, tras acoller a 150 nenos e nenas en dúas quendas durante todo o mes. Unha iniciativa do Concello da Cañiza que volveu apostar por unha programación lúdica, deportiva e educativa para favorecer a conciliación familiar e o desenvolvemento dos máis pequenos.
No último día da segunda quenda, o Alcalde achegouse ata as instalacións do CPI da Cañiza para visitar aos participantes e despedir esta edición. Aquí Luis Piña compartiu un intre cos nenos e nenas, aos que agasallou con pequenos detalles, e agradeceu tanto ás familias como ao equipo de monitoras pola súa implicación e confianza.
Ao longo das catro semanas de xullo, o campamento ofreceu un intenso programa de actividades: gincanas, xogos tradicionais, deporte ao aire libre, rutas de sendeirismo e, sempre que o tempo o permitiu, actividades acuáticas na piscina municipal das Grades, de uso exclusivo para os participantes.
A primeira quenda contou con 84 nenos e nenas, rematando cunha divertida festa da escuma. A segunda, iniciada o 16 de xullo, acolleu a 66 menores e tamén puxo o broche final cunha festa da escuma moi animada, acompañada de moita música e karaoke.
O campamento foi xestionado por unha empresa especializada, con 10 monitoras encargados de dinamizar as xornadas en todo momento. Supuxo un investimento municipal de 17.676,00 euros, dos cales 11.952,00 euros foron subvencionados pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, ao abeiro do Plan Corresponsables 2025, que ten como obxectivo fomentar a igualdade e a conciliación.
Os prezos foron accesibles para todas as familias: 55€ por neno/a, 97,58€ para dous irmáns e 110€ para tres.
Con esta nova edición, o Concello reafirma o seu compromiso co benestar da infancia e o apoio ás familias da vila durante o período estival.