O Concello da Cañiza celebrou este domingo 22 de febreiro o Concurso de Comparsas do Entroido 2026, nunha tarde marcada polo bo ambiente, a participación e unha tregua meteorolóxica que permitiu gozar dunha xornada soleada e festiva.
Máis de 200 persoas participaron nesta edición do certame, enchendo de cor, música e creatividade as rúas da vila. O evento contou coa actuación de tres comparsas infantís e catro de adultos, que ofreceron espectáculos de gran nivel, acompañadas pola música da charanga “Vai de Baile”, de Vincios, que animou a festa durante toda a tarde.
As comparsas da Cañiza concentráronse na Carballeira do Cacharado para iniciar o desfile polas rúas da vila e participar no concurso celebrado na rúa Antonio Facorro. Nesta edición conseguiuse superar o alto nivel do pasado ano en orixinalidade, humor e posta en escena.
Tras dar a benvida, o Alcalde Luis Piña, acompañado do Concelleiro Rubén Muíños, agradeceu publicamente o esforzo e dedicación das comparsas, que traballaron sen descanso para ofrecer un espectáculo de gran calidade. Tamén recoñeceu a presenza do público asistente e o labor do xurado desta edición, formado polo artista, pintor e escultor Diego de Giráldez; o músico e profesor da Escola de Música da Cañiza, Agustín Domínguez Barba e o deseñador de moda Cristobal Vidal González que tamén presidiu o xurado.
A gala estivo presentada pola xornalista Amparo Rodríguez Ojea. O Alcalde tamén quixo destacar a colaboración dos empregados municipais, especialmente dos departamentos de Cultura e Obras, polo seu traballo na organización do evento.
Grazas á tarde soleada, os integrantes das sete comparsas puideron exhibirse diante da veciñanza e do xurado para optar aos premios, que estaban dotados cun total de 2.250 euros, repartidos en 500 €, 300 €, 200 € e 150 € para os primeiros, segundos, terceiros e cuartos premios, respectivamente, nas categorías infantil e adultos.
Comparsas premiadas
O xurado acordou conceder os seguintes galardóns:
Categoría infantil
• 3º premio: “Xoguetes Rebeldes” (200 €)
• 2º premio: “Os Mouchos do Paradanta” (300 €)
• 1º premio: “Valei-Choques” (500 €)
Categoría adultos
• 4º premio: “Dálle Corda que é Carnaval” (150 €)
• 3º premio: “Afoghan as Estrelas” (200 €)
• 2º premio: “Talento á Feira” (300 €)
• 1º premio: “O Titanic pola Ruta das Abadías” (500 € máis 100 € adicionais pola participación no Enterro do Rexoubón)
Ademais dos premios, o Concello concedeu unha subvención de 10 euros por participante a todas as comparsas, tanto infantís como adultas. En total, repartíronse 3.720 euros entre premios e subvencións.
O Concello lembrou tamén que o Entroido continuará o vindeiro sábado 28 de febreiro coa celebración da 1ª edición do Enterro do Rexoubón, que sairá da Carballeira do Cacharado ata a explanada do Regueiro, ás 19:30 horas, convidando a toda a veciñanza a participar nesta despedida simbólica do Entroido 2026.
Noraboa a todas as comparsas participantes e grazas á veciñanza por asistir.
Galería multimedia