Hoxe presentamos no Concello o Programa «ENRÉDATE», Un servizo de atención personalizada e especializada a mulleres con discapacidade.
Este programa gratuito para todas as beneficiarias, consta de 10 sesións que se celebrarán os martes e xoves en horario de 10.30h a 13.30h na Aula de Formación do Edificio Multiusos da Cañiza ( 1º andar da Rúa Progreso, nº 21 da Cañiza).
Para máis información podedes poñervos en contacto coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia no e-mail info@acadar.org, ou a través do nº de teléfono 674 073 092
1. PRESENTACIÓN DA ENTIDADE:
A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, ACADAR foi constituída o 1 de setembro de 2009 no Concello de Santiago de Compostela, por 20 mulleres con discapacidade que foron conscientes de que as necesidades específicas das nenas e mulleres con discapacidade non estaban cubertas nin tidas en conta por parte da sociedade actual. Debido a isto, puxeron a disposición das mesmas, a ferramenta máis axeitada para promover, coordinar e reivindicar a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade cara a súa plena integración e participación en todos os ámbitos da sociedade: A asociación.
O seu ámbito de actuación comprende toda Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de ofertar servizos, dirixir actividades e reivindicar dereitos para todas as mulleres con discapacidade independentemente do lugar onde residan, tendo en conta sobre todo, as necesidades específicas das mulleres residentes no rural, das mulleres con discapacidade máis severa e/ou que concorren circunstancias en risco ou exclusión social.
As actuacións de ACADAR inciden en ámbitos tan diversos como:
- EMPREGO
- VIOLENCIA DE XÉNERO
- SAÚDE
- MATERNIDADE
- SEXUALIDADE
- VIDA INDEPENDENTE
- IMAXE SOCIAL E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
- PARTICIPACIÓN SOCIAL
- LIDERADO
2. EN QUÉ CONSISTE O PROGRAMA ENRÉDATE:
ACADAR desenvolve este programa, cofinanciado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, entre os meses de xaneiro e agosto do 2022.
É unha realidade que as mulleres con discapacidade que viven en zonas pouco poboadas están limitadas á hora de participar activamente na súa comunidade, o que impide o seu desenvolvemento persoal, social e laboral. Coa pandemia COVID – 19, o confinamento e as restricións obrigatorias quedou máis patente que nunca a realidade que viven as mulleres con discapacidade: situacións de pobreza, violencia nos fogares, agravamentos de patoloxías existentes e novos diagnósticos tardíos debido as cancelacións de citas médicas e tratamentos, obrigatoriedade de realizar trámites online, etc.. Polo tanto, terase en conta as diversas situacións de vulnerabilidade que viven estas mulleres.
Debido a isto, é necesario poñer en marcha o Programa ENRÉDATE, o cal prestará un servizo de atención personalizada e especializada a mulleres con discapacidade que residen en zonas rurais, tanto de forma individual como grupal, co obxectivo de potenciar as súas capacidades e competencias para o desenvolvemento dunha vida autónoma.
Algúns dos obxectivos específicos do programa:
- Informar sobre recursos e servizos dispoñibles para as mulleres con discapacidade.
- Deseñar estratexias individuais para favorecer a adquisición ou recuperación de habilidades sociais e persoais.
- Promover crenzas racionais e actitudes positivas que potencien o seu desenvolvemento persoal, incrementando a súa autoestima e autoconcepto.
- Mellorar as habilidades comunicativas básicas, incidindo na comunicación verbal e non verbal.
- Fomentar a comunicación entre as mulleres como ferramenta para reducir e/ou resolver conflitos.
- Dotar as mulleres de ferramentas e recursos de cara a previr, identificar e facer fronte ás posibles situacións de violencia.
- Crear novas redes e/ou consolidar as existentes de cara a buscar o apoio entre iguais e o fomento da sororidade, tanto a través dos canles habituais coma das novas formas de comunicación a través das redes.
ACTUACIÓNS
Servizo de orientación e información persoal.
Servizo de atención psicolóxica.
Servizo de asesoramento xurídico.
Servizo de mediación intercultural e/ou familiar.
Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade.
Servizos ou medidas de apoio e orientación laboral para a mellora da empregabilidade e de acompañamento na busca de emprego.
PROPOSTA FORMACIÓN GRUPAL
Nº participantes: 10 mulleres con discapacidade, aproximadamente.
Duración: 10 sesións de 3h de duración cada unha, cunha periocidade semanal.
Modalidade: Presencial
Prezo: Gratuíto
Datas e horario: Todos os martes e xoves dende o 19 de xullo ( durante 10 sesións)
Lugar: no Aula de Formación do Edificio Multiusos do Concello da Cañiza ( 1º andar na rúa Progreso, 21)
Os obradoiros están dirixidos ás mulleres con discapacidade, e traballarase de xeito grupal e tamén individual. Os contidos a tratar serán: autoestima, autoconcepto, intelixencia emocional, habilidades sociais, discapacidade, violencia cara ás mulleres, empoderamento....
A organización dos contidos e os tempos será flexible e adaptada ás necesidades formativas particulares do grupo.
A metodoloxía empregada durante os obradoiros será interactiva e participativa, buscando a reflexión crítica e o debate das persoas participantes mediante o uso de materiais audiovisuais e prácticos.