Multitudinaria acollida dos nenos e nenas da Cañiza aos REIS MAGOS

  • As Súas Maxestades de Oriente comezaron a súa tradicional visita anual na nosa Comarca pola Cañiza na tarde do 4 de xaneiro
  • A acollida que lle deron os nenos e nenas da Cañiza foi multitudinaria.
  • A empresa con sede en Cañiza “Hípica Celta” agasallou ao Reis cunha cabalgata espectacular.
  • Repartíronse máis de 250 quilos de caramelos.

 

Ás 18:30 da tarde do día 4 deu inicio a Cabalgata que marcaba a chegada dos Reis Magos á vila da Cañiza. 

Súas Maxestades, os Reis Magos de Oriente, acompañados dos seus respectivos paxes, daban inicio desta maneira ao seu tradicional recorrido anual polas terras da Comarca da Paradanta.

Os nenos e nenas da Cañiza, e de concellos limítrofes, agasallaron de maneira multitudinaria, coa súa ilusión e alegría, aos Reis Magos, quen subidos nas súas carrozas, lles respondían con música, cor e fantasía , ademais de caramelos.

Abría a espectacular Comitiva Real, “ a mellor de sempre” dacordo con moitos dos asistentes, unha batucada, que anunciaba a chegada das tres carrozas reais acompañadas por  zancudos,  cabalos inchables,  maniquís inchables,  malabaristas e  cabezóns inchables, membros todos eles da empresa cañicense “Hípica Celta”.

A Cabalgata, que percorreu as principais rúas da vila, tivo unha duración de 2 horas, durante as que se repartiron entre a multitude asistente máis de 250 quilos de caramelos. 

Ao remate da Cabalgata, e tras unha colorida tirada de fogos artificiais de preto de 5 minutos- a cargo da pirotecnia local de Santa Cristina de Valeixe-, as familias asistentes puideron entrar no auditorio da Casa da Cultura da Cañiza para que os máis pequenos fixeran entregas das súas peticións ás Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar, na súa tradicional recepción as máis cativos.

Previamente á Cabalgata, as súas Maxestades e os seus paxes acompañados polo Alcalde percorreron as parroquias da Cañiza e visitaron as residencias de maiores de Valeixe e A Cañiza. 

O Alcalde agradece ás Súas Maxestades a visita, así como a colaboración da Policía Local e dos demais empregados do Concello nas súas labores de seguridade e acompañamento.