No mes das Letras Galegas, o Concello da Cañiza acolle un «Encontro Poético», organizado polo noso artista máis universal, Diego De Giraldez
- Segundo informou o Alcalde Luis Piña esta mañá, o pasado sábado 10 de maio o Salón de Plenos reuniu a unha cuarentena de poetas, procedentes de distintas localidades galegas e tamén españolas e portuguesas, para participar nun recital poético, cargado de sensibilidade que conseguiu honrar á nosa Lingua e á nosa Terra. Un acto organizado por Diego de Giráldez coa colaboración do Concello da Cañiza.
- O Encontro contou tamén coa intenvención da escritora e poetisa tudense Carmeliña García Pereira, quen abriu e pechou o acto coas súas maxistrais declamacións.
- Tamén participou neste recital o cantautor Xosé Duarte de Vilagarcía de Arousa, interpretando varias poesías con acompañamento musical.
O Acto comezou ás 18h cunha xuntanza na Praza Maior da Cañiza, punto de encontro e emprazamento do Museo Casa Cuartel de Encontro coa Arte de Diego de Giráldez.
Media hora máis tarde, o Alcalde Luis Piña recibía a toda a comitiva nas portas do Concello para comezar o recital no Salón Noble de Sesións dando a benvida a todo o público e agradecendo unha vez máis ao noso Cañicense e Fillo Predilecto Diego por ter escollido A Cañiza para realizar este novo encontro coa “Arte”, nesta ocasión en forma de poesía.
O Alcalde tamén o felicitou polo éxito de convocatoria na que participaron case unha cuarentena de artistas das letras.
Un agradecemento que foi mutuo, segundo manifestou Diego de Giráldez na súa intervención, por todas as facilidades ofrecidas polo Concello. Tamén agradeceu a todos os homes e mulleres que o sábado quixeron acompañalo nunha chuviosa xornada na que deleitaron ao público cos seus recitais poéticos.
Como ven sendo habitual, o acto rematou cunha visita á Casa Museo, para percorrer os 5 andares e 1500 metros lineais de exposición, que acollen a importante colección de obras de Diego de Giráldez, e nas que se poden apreciar as súas distintas etapas artísticas, estilos e evolucións pictóricas.
Galería multimedia