O Alcalde da Cañiza recibe ao equipo feminino do Club Fútbol Cañiza tras o seu ascenso á 2ª Liga Feminina de Galicia
O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, recibiu este martes na Casa do Concello ao equipo feminino do Club Fútbol Cañiza, tras acadar un histórico ascenso á 2ª Liga Feminina de Galicia.
O conxunto cañicense logrou este importante ascenso para o club o pasado domingo, 1 de xuño, ao impoñerse á Unión Deportiva Guardesa no campo de fútbol A Sangriña, da Guarda, nun partido decisivo no que un gol de Emma puxo o broche de ouro a unha tempada excepcional.
Este equipo feminino, que actualmente conta con 21 xogadoras, ten a súa orixe na antiga Asociación Deportiva Cañiza Club de Fútbol, entidade que se fusionou no ano 2021 co actual Club Fútbol Cañiza, consolidando así un proxecto deportivo sólido e con continuidade para o fútbol feminino no municipio.
Durante o acto, Luis Piña trasladou os seus parabéns ás xogadoras, ao corpo técnico e á directiva do club, poñendo en valor a súa dedicación, o esforzo e o espírito de superación. “Este é un traballo histórico que culminou con este éxito e co magnífico gol da vitoria de Emma. Este ascenso non só representa un logro deportivo, senón tamén un reflexo do traballo ben feito e do compromiso co deporte feminino na Cañiza. Dende o Concello, e en nome de toda a veciñanza, queremos felicitarvos e agradecer este magnífico traballo”, destacou o Alcalde.
O Concello da Cañiza reafirmou o seu apoio ao fútbol feminino e o seu compromiso coa promoción da igualdade e do deporte base.
A recepción finalizou cunha foto oficial no salón de plenos.
Parabéns, campioas, por facer historia!