O Alcalde da Caniza visita as brigadas de SEAGA despregadas no Pateiro para reforzar a loita contra os incendios forestais
O Alcalde visitou as brigadas de SEAGA, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, despregadas na Caniza durante a campaña de verán (do 3 de xullo ata o 15 de outubro) para realizar labores de vixilancia e extinción de incendios forestais por encargo da Xunta de Galicia, ao abeiro do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA 2026).
Luis Piña estivo acompañado nesta visita por Juan Antonio Vidán Estévez, coordinador provincial de SEAGA en Pontevedra, quen lle explicou o funcionamento do dispositivo, os medios humanos e materiais dispoñibles e o desenvolvemento dos traballos.
Segundo comentou o Alcalde, o Concello colaborou con estas brigadas coa posta a disposición da planta baixa da Casa de Cultura do Pateiro, en Oroso, para o establecemento da súa base operativa, facilitando así unhas instalacións axeitadas para o desenvolvemento loxístico.
Esta colaboración municipal dá continuidade ao compromiso que o Concello mantén desde hai anos coa prevención dos incendios forestais, como xa fixera cos efectivos militares da Brigada «Galicia VII» despregados no municipio no marco da Operación Centinela Galego.
O dispositivo de SEAGA despregado durante a campaña de verán deste 2026, está integrado por 16 profesionais distribuídos en catro brigadas e conta con catro vehículos tipo pick-up, que permiten realizar as tarefas de vixilancia e intervir nas labores de extinción cando resulta necesario.
A presenza destes equipos enmárcase na competencia da Xunta de Galicia para reforzar os medios de prevención e defensa fronte aos incendios forestais durante a época de maior risco.
Durante a visita, o Alcalde agradeceu aos profesionais o traballo desenvolvido ao longo destes meses e destacou a importancia de contar con medios especializados no territorio para reforzar a capacidade de resposta ante os incendios forestais e contribuír á protección da veciñanza e do patrimonio natural da Caniza.