O Alcalde fai balance da situación económica do Concello nun almorzo informativo celebrado esta mañá

  • Luis Piña fixo un corte e unha comparativa entre a situación económica a data 31/12/2019 e  31/12/2024.
  • Cinco anos que se corresponden coa súa xestión como Alcalde, nas que se conseguiu rebaixar a débeda en 1.312.570,42€.
  • "Os veciños e veciñas da Cañiza queren que se lles diga a verdade, con responsabilidade", comentou o Alcalde.

 

Esta mañá o Alcalde Luis Piña mantivo unha xuntanza cos medios de comunicación, na que compareceu acompañado dos Concelleiros Rubén Muiños e Eva María Rivas, para informar sobre a situación económica do Concello a data 31 de decembro de 2024, facendo unha comparativa coa realidade herdada no ano 2019.

Un balance que segue sendo negativo en canto ás obrigas do Concello de pago aos seus proveedores, pero que pasou de 4,3 millóns de euros de débeda en decembro de 2019 a 809.602.46€ ao peche de exercicio en decembro de 2024, nos que están incluídos 635.475,41€ de facturas impagadas ás suministradoras eléctricas correspondentes a 2023 e que actualmente estanse negociando, por non estar dacordo coa excesiva facturación emitida.

 “Con esta xuntanza quero responder ás informacións publicadas nas últimas semanas nas redes sociais por parte da portavoz do Partido Popular e explicar a realidade económica do Concello. Unha explicación e interpretación dos números que gustosamente lle traslado á xefa da oposición porque é importante contrastar a información antes de difundila”, aclarou, en referencia ás informacións fabricadas e manipuladas. O Alcalde tamén lle trasladou á portavoz do PP que “se segue nesta liña, é posible que se atope co precipicio”.

 

Situación económica a data 31/12/2019:  5.064.893,69€ de débeda. Ruina económica. Perda de confianza dos proveedores no Concello

O ano 2019 rematou cunha débeda de 4.284.509,09€ en facturas impagadas e unha débeda viva (bancaria) de 780.384,60€ que en total sumaron 5.064.893,69€.  Por outra banda o Concello tiña unha liquidez en conta de 202.122,87€.

Ésta foi a herdanza recibida no 2019, cando se chega á Alcaldía, froito da xestión do anterior goberno que provocou unha situación ruinosa para o Concello ao ter que afrontar o impago de case 4.3 millóns de euros en facturas a  pequenos proveedores e tamén medianas e grandes empresas, que perderon a confianza no Concello, anulando, en moitas ocasións, as relacións económicas existentes.

Continúa o Alcalde aclarando que “a partires de este momento comezamos un difícil traballo para intentar normalizar a situación”.

“Como resultado de 5 anos de esforzo fiscal e de recortes chegamos a 31 de decembro de 2024 con 809.602,46€ en facturas pendentes de pago e unha débeda viva ( préstamos + Retencións de Facenda ) de 2.942.720,81€. Ademáis finalizamos o ano con 350.410,86€ de liquidez en contas”.

 

Decembro de 2024: rematamos o exercicio cun total de 3.752.323,27€ de débeda.

Cantidade á que si lle restamos a diferenza de liquidez nas contas bancarias entre 2019 e 2024 (148.288,00€) redúcese a 3.604.035,27€. 

Unha situación todavía moi complexa que consigue rebaixar a débeda inicial herdada de 5.064.893,69€ a 3.604.035,27€ en 2024, reducindo un total de 1.460.858,42€.

Nos 3.752.323,27€ están incluidos 2.942.720,81€ de préstamos e os 2 Mecanismos de Pago a Proveedores obrigados polo Ministerio de Hacienda para pagar aos Proveedores. Débeda herdada dos anteriores gobernos a excepción de 287.845,00€  de préstamo que corresponden ao mandato actual para afrontar os gastos da reforma da piscina e da adquisición dos terreos da Citania de “As Grades”.

 

A Gobernanza comeza a traballar para frear a curva ascendente de gasto.

Despois de ter analizada a situación económica, a Gobernanza logrou reducir a débeda  en 1.460.858,00€. Cifra que si a dividimos entre os 5 anos de xestión, ofrece unha capacidade de reducción anual de 292.171,60€.

A situación herdada a mediados de 2019 forzou ao Concello a realizar unha dura reestruturación da débeda, de cumprimento obrigado no caso dos 2 Mecanismos de Pago a Proveedores iniciados pola Axencia Tributaria para liquidar a débeda ás empresas que ascendía a 2.769.008,52€ e que non tiña sido interceptada antes polo Ministerio de Facenda porque a maioría das facturas non estaban rexistradas na contabilidade.

Cando se dixo en anteriores comunicados que o Concello conseguira reducir a “cero” a débeda cos proveedores, se comunicou tamén que un total de 3.238 facturas (que sumaban 2.769.008,52€) foron pagados con cartos prestados polo Ministerio pero que agora teñen que ser devoltos con cargo ás cantidades asignadas ao Concello pola Participación dos tributos do Estado. O que significa unha reducción do 50%  da nómina mensual recibida do Estado e que teremos que devolver durante 7 anos máis.

A primeira retención foi efectiva na nómina de xullo de 2023 na que se aplicou o 1º Mecanismo e nese mesmo ano, no mes de setembro, comezou a aplicarse o 2º mecanismo que supuso a perda do 50% dos ingresos do Estado. Nese momento 46.099,24€ menos ao mes.

 

O Ministerio de Hacienda “puxo deberes” ao Concello

Tendo que aprobar a Corporación Municipal un Plan de Saneamento Financeiro para conseguir a reducción da retención dun 50% ao 25%.

O Plan pivotou en tres eixes:

  • 1.- Aumento  da recaudación, mediante a  actualización de impostos e taxas. “Unha realidade difícil para a Gobernanza e que implicou unha subida da fiscalidade que tiveron que asumir todas as veciñas e veciños da Cañiza, aos que quero agradecer neste momento a súa comprensión e colaboración”, comentou o Alcalde.
  • 2.- O compromiso de axuste do gasto. Comeza aquí un período de austeridade.
  • 3.- Reducción da plantilla de traballadores do Concello, non cubrindo os postos do persoal xubilado. Neste capítulo o Alcalde tamén recordou que nestes momentos e dende a seu nomeamento como Deputado no Congreso de España, o Concello tampouco ten que asumir os costes do seu salario. Un total de 53.000€ brutos anuais menos. Tamén fixo referencia á necesidade de nomear a un asesor de confianza política remunerado con 25.000€ anuais.

 

Débeda herdada do 2019. Préstamos solicitados polo actual Goberno.

Do que se adeudaba no ano 2019, 1.354.616,36€ correspondían a facturas con partida orzamentaria, 2.639.502,11€ a facturas sen partida orzamentaria e 290.391,22€ a facturas que estaban fora da contabilidade. Un total de 4.284.509,69€.

Ao peche do exercicio de 2024, o Concello debe en facturas 809.602,46€ dos que 635.475,41€ corresponden a facturación por suministro eléctrico que non se abonaron por non estar dacordo cos importes. Unha discrepancia que o Concello está negociando coas comercializadoras e que na actualidade ten abertas dúas vías de resolución: negociado ata chegar a un acordo aceptable polas 2 partes ou vía xudicial a través do Contencioso que xa está aberto e que contempla a posibilidade de que o Xuíz decida quen ten a razón.

Ademáis adeudase outros 120.569,65€ en concepto de gasto propio asumibles dentro do período medio de pago e outros 53.557,40€ correspondentes a subvencións que están pendentes de cobro.

O actual Goberno solicitou un préstamo de 1.475.525,00€, dos que 1.113.808,00€ destináronse a abordar as obras de reforma de todo o alumeado público do Concello, que se amortizou no 2024, unha vez estiveron executadas as obras e xustificadas e cobradas as subvencións. Nesta cantidade tamén están incluidos 112.467,77€, en concepto de gastos da obra de reforma da piscina e outros 158.000,00€ de adquisición dos terrenos da Citania de “As Grades”. Unha compra patrimonial que permitirá iniciar as prospeccións desta Citania e dar resposta a unha demanda histórica da nosa veciñanza para por en valor este importantísimo activo da Cañiza.

 

A débeda viva pasa de 780.384,60€ no 2019 a 2.942.720,81€ no ano 2024 polos 2 mecanismos de pago a proveedores

No ano 2022 e 2023 o Ministerio obriga á entrada do Concello en 2 Mecanismos de Pago a proveedores.

A traves destes MPP púdose estruturar un total de 2.769.008,52€ en facturas pendentes de pago ás empresas dende o ano 2014: un total de 3.238 facturas adeudadas. A través do Primeiro Mecanismo do ano 2022 o Concello declarou á Axencia Tributaria 1.240.415,52€ (un total de 1.149 facturas pendentes) e no ano 2023 un total de 1.528.593,00€ (2.089 facturas).

Esforzo en investimentos. Busca de axudas en todas as administracións públicas.

O Concello non vai renunciar a ningunha oportunidade no camiño.

“Con todo e a pesar das duras condicións económicas, o Concello conseguiu investir 6.559.031,00€ en obras, facendo unha importante labor de captación de subvencións e axudas en todas as administracións públicas, tendo o Concello que aportar únicamente 560.000,00€.

110.000,00€ anuais que representa un 8,55% de recursos propios”, comentou o Alcalde facendo referencia a que “a pesares da nefasta situación económica atopada, conseguiuse dar resposta a moitas necesidades e dar solucións a moitos problemas que provocaban que a débeda continuara aumentando como foi o caso da reforma integral do alumeado público".

Unha obra cun investimento de 2.419.516,00€ que permitiu cambiar a totalidade das luminarias deficitarias e cun alto nivel de consumo. Esta inversión financiada con 1.935.612,80€ de fondos europeos do IDAE do Goberno de España, 408.477,60€ de fondos dos Plan Concellos 2020 e 2021 da Deputación de Pontevedra e 75.455,60€ do fondo de compensación medioambiental de 2021 da Xunta de Galicia, posibilitou que a facturación en concepto de alumeado público baixara de 309.000,00€ en 2023 a 122.000,00€ en 2024.

"Non se pode facer máis, optamos a todo o que nos foi posible", afirmou o Alcalde na súa intervención.

 

Queda un duro camiño, pero estamos recuperando a confianza no Concello

“A situación é complicada, non o estamos pasando ben pero ésta é a receta adecuada”.

O Alcalde tamén fixo referencia á importancia de manter o pago aos proveedores ao día porque detrás de cada empresa, están as persoas e as familias.

“O Concello xa recuperou o crédito e a confianza dos proveedores. Hoxe temos subministradores porque saben que pagamos. Unha situación que conseguimos revertir nestes anos e coa que nos atopamos ao inicio do primeiro mandato”.

 

O Alcalde fai balance da situación económica do Concello nun almorzo informativo celebrado esta mañá

 

O Alcalde fai balance da situación económica do Concello nun almorzo informativo celebrado esta mañá

 

O Alcalde fai balance da situación económica do Concello nun almorzo informativo celebrado esta mañá