O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá que están a piques de rematar as obras de instalación de xeotermia na Casa Consistorial.

Segundo explicou o Alcalde, esta actuación permitirá reducir de maneira notable os consumos enerxéticos, as emisións contaminantes e os custos de mantemento, dando un paso decidido cara a un concello máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

A actuación está incluída dentro do proxecto de “Instalacións Xeotérmicas Sostibles II”, enmarcado no Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Programa DUS 5000) e supón unha inversión total de 227.892,61 €.

A obra está financiada maioritariamente polo Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE), que achega o 85% do investimento (193.708,71 €). Ademais conta cunha axuda da Deputación de Pontevedra do 8% (18.231,41 €), tendo o Concello que aportar unicamente o 7% restante (15.952,49 €).

O Equipo de Goberno xa comenzara os trámites para levar a cabo esta obra a finais do ano 2019. Posteriormente, o 10 de abril de 2023, o Concello asinou un Convenio de Colaboración coa Deputación Provincial para a súa execución, que está sendo dirixida, xestionada e tramitada directamente pola administración provincial.


Un proxecto sostible e de última xeración

A obra consiste na substitución da antiga caldeira de gasóleo C por un sistema xeotérmico vertical de circuíto pechado, no que se perforarán 8 pozos de 150 metros de profundidade cada un, sumando en total 1.200 metros lineais de captación xeotérmica. Nestes pozos instalaranse sondas que intercambian calor co subsolo, onde a temperatura se mantén estable todo o ano arredor dos 14-16 ºC.

A enerxía captada aliméntase a través dunha bomba de calor xeotérmica reversible de alta eficiencia, dimensionada para cubrir a demanda térmica do edificio: 71,6 kW en calefacción e 37,9 kW en refrixeración, cun COP superior a 4,5. Isto significa que por cada kWh eléctrico consumido, a bomba xera entre 4 e 5 kWh de enerxía térmica, acadando aforros superiores ao 60% fronte ao gasóleo.

O sistema complétase coa instalación dun depósito de inercia de 500 litros e un acumulador de auga quente sanitaria de 500 litros, asegurando o confort e optimizando o rendemento da instalación.


Renovación do sistema emisor (radiadores)

No edificio existían 42 radiadores (8 na planta baixa, 22 na primeira planta e 12 na segunda) que serán substituídos por ventilo-convectores de baixa silueta, con regulación individual por temperatura e ventiladores inverter. Este cambio non só mellorará a eficiencia enerxética, senón que permitirá dispoñer dun sistema bioclimático integral, con calefacción no inverno e refrixeración no verán.


Beneficios ambientais e económicos

  • Redución de emisións: a eliminación da caldeira de gasóleo evitará a emisión de máis de 20 toneladas anuais de CO₂.

  • Aforro económico: o gasto en climatización poderá reducirse ata nun 65% anual grazas á maior eficiencia do sistema.

  • Menor mantemento: a xeotermia require menos operacións de limpeza e revisión que unha caldeira tradicional, aumentando a fiabilidade do servizo.


O Alcalde destacou que con esta obra iniciamos unha nova etapa nas instalacións municipais, apostando pola transición enerxética e reducindo a dependencia dos combustibles fósiles, ao tempo que melloramos as instalacións públicas”.

 

 

 

O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá que están a piques de rematar as obras de instalación de xeotermia na Casa Consistorial.

 

O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá que están a piques de rematar as obras de instalación de xeotermia na Casa Consistorial.

 

O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá que están a piques de rematar as obras de instalación de xeotermia na Casa Consistorial.

 

O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá que están a piques de rematar as obras de instalación de xeotermia na Casa Consistorial.