O Alcalde Luis Piña e os seus Concelleiros de Goberno visitan a Ponte das Achas e a súa contorna tras a finalización das obras de mellora
O espazo recuperado pasa a titularidade do Concello, que xa asume os custos do novo alumeado público LED instalado na zona
O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, acompañado polos Concelleiros Mª José Rodríguez, Paula Bacelar, Miguel Anxo Antón, Eva Mª Rivas e Felipe Piña, visitaron este luns a Ponte das Achas e a súa contorna para comprobar o resultado final dun proxecto que supón a recuperación dun elemento patrimonial emblemático e a mellora integral do seu espazo urbano.
As obras, promovidas e impulsadas polo rexedor ante a Deputación Provincial de Pontevedra —daquela presidida por Carmela Silva—, poñen fin a máis de 30 anos de reivindicación veciñal. O investimento total ascendeu a 411.015,58 €, financiados nun 70% pola Deputación (287.710,91 €) e nun 30% polo Concello a través de dous Plans Provinciais (123.304,67 €).
O proxecto non só devolve á ponte románica o seu valor histórico e estético, senón que tamén transforma todo o tramo antigo da estrada provincial EP-5002 nun espazo seguro, accesible e pensado para as persoas, integrándose no modelo de mobilidade sustentable provincial. A partir de agora, esta área pasa a titularidade municipal, e o Concello xa se fai cargo dos custos do novo sistema de iluminación pública LED, máis eficiente e sostible.
Un proxecto con historia: de reivindicación veciñal a realidade.
Cronoloxía:
- 28 de abril de 2022 – O Pleno do Concello aproba o convenio coa Deputación para executar o proxecto de recuperación da Ponte das Achas e a súa contorna.
- Xuño de 2022 – A presidenta provincial daquela, Carmela Silva, visita a zona xunto ao Alcalde para presentar publicamente o proxecto, que inclúe melloras máis ambiciosas das inicialmente previstas, así como a recuperación do tramo vello da estrada.
- Verán de 2022 – Grazas á colaboración veciñal, o Concello consegue en menos de 15 días a cesión gratuíta de 22 parcelas necesarias para a construción da senda peonil.
- Marzo de 2023 – A Deputación aproba o inicio da adxudicación da obra cun prazo de execución de 5 meses. Ese mesmo mes, o Alcalde e o deputado provincial Gregorio Agís presentan o proxecto aos veciños no Centro Social Coto Sobreiro, explicando os detalles técnicos e resolvendo dúbidas.
- 2023-2024 – Execución das obras, que requiren permisos sectoriais, incluído Patrimonio da Xunta de Galicia, e adaptacións ao proxecto inicial.
- Agosto de 2025 –visita do alcalde e todo o Equipo de Goberno para supervisar o resultado.
Detalles da actuación
O proxecto abrangue 560 metros de intervención entre os núcleos das Achas e da Ponte, con melloras tanto patrimoniais como de seguridade viaria e mobilidade:
- Restauración patrimonial:
- Substitución do asfalto por pavimento de lastra de granito sobre a ponte.
- Retirada das varandas metálicas e colocación dun peitoril de pedra de 1,10 m de altura.
- Mobilidade e seguridade:
- Creación dunha zona de convivencia peonil e rodada no núcleo das Achas con plataforma elevada de formigón gris escuro.
- Execución dunha senda peonil de 2,50 m de ancho medio na marxe dereita, cuneta transitable e drenaxe soterrada.
- Ordenación do tráfico en sentido único Oeste-Este (As Achas-A Ponte) para priorizar o tránsito peonil.
- Melloras urbanísticas:
- Soterramento das liñas eléctricas e de telefonía.
- Instalación de bancos de granito, nova sinalización horizontal e vertical, e iluminación LED con columnas de aceiro de 9 metros.
- Ampliación de zonas verdes e plantación dunha sebe vexetal.
- Pavimentación con lastras graníticas nos sobreanchos da estrada e colocación de cenefas de lousa rectangular xunto ás vivendas.
Declaracións do alcalde
Durante a visita, Luis Piña destacou que “este proxecto cumpre un compromiso histórico coa nosa veciñanza, protexendo o noso patrimonio, priorizando ás persoas sen comprometer a actuación e creando unha contorna segura, accesible e integrada no presente da Cañiza”.
O Alcalde agradeceu á Deputación —e á súa presidenta naquel momento, Carmela Silva— “o apoio decidido a unha actuación que recolle todas as demandas que trasladamos”, así como “a xenerosidade dos veciños que cederon os terreos necesarios para facer realidade esta mellora”.
Galería multimedia