O Alcalde Luis Piña informou hoxe que no Pleno deste 17 de outubro acordarase a aprobación da sinatura dun convenio coa Comunidade de Montes de Os Gómez, en Oroso.

  • O convenio ten por obxecto o pago fraccionado da expropiación dos terreos do antigo mercado de gando, actual Parque Empresarial da Uceira, propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Os Gómez.
  • O prezo xusto fixado polo Xurado de Expropiación de Galicia en 2023 ascende a 89.739,92€ e aboarase en doce anualidades ata o ano 2036.

O Alcalde Luis Piña informou hoxe que no Pleno ordinario que se celebrará este venres 17 de outubro, someterase a aprobación a sinatura dun convenio coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Os Gómez - Oroso, propietaria dos terreos expropiados no ámbito do antigo mercado de gando, actualmente convertido no Parque Empresarial da Uceira.

O convenio ten por obxecto formalizar o pago fraccionado do prezo xusto determinado polo Xurado de Expropiación de Galicia, que, en sesión plenaria do 2 de febreiro de 2023, fixou unha contía de 89.739,92 euros, incluíndo o 5 % de premio de afección, polas leiras 1, 2 e 3 afectadas polo proxecto de modificación puntual do PXOM.

Este acordo chega despois dun procedemento administrativo transparente e consensuado, no que se incorporaron os informes técnicos e económicos municipais e a fiscalización do gasto pola Intervención Xeral. A proposta foi tamén avalada pola Comisión Especial de Contas na sesión do pasado 13 de outubro, e será elevada ao Pleno como órgano competente para a súa aprobación definitiva.

O convenio establece que o Concello da Cañiza abonará o importe do prezo xusto en doce anualidades, de 7.478,32 euros cada unha, comezando no exercicio 2025 e finalizando en 2036, cun último pagamento de 7.478,40 euros. Estes pagamentos realizaranse antes do 31 de decembro de cada ano e non xerarán intereses, agás en caso de demora.

Segundo explicou o Alcalde, este acordo supón “un exemplo de xestión responsable, rigor económico e diálogo institucional coa Comunidade de Montes de Os Gómez, que permite dar cumprimento á resolución do Xurado de Expropiación sen comprometer o equilibrio orzamentario do Concello”.

Ademais destacou que con este convenio “péchase de forma definitiva o procedemento expropiatorio iniciado en 2022, dando seguridade xurídica ás partes e facilitando o desenvolvemento do Parque Empresarial da Uceira, unha infraestrutura esencial para o impulso económico da zona”.

Con este paso, o Concello da Cañiza reafirma o seu compromiso de colaboración coas comunidades de montes veciñais, a regularización urbanística e patrimonial e a transparencia na xestión municipal.