O Alcalde Luis Piña visitou esta mañá as obras recentemente rematadas de mellora da eficiencia enerxética do alumeado público nas zonas de Campo da Feira, As Laxas, Gorgullón e Poulo.
O Concello continúa avanzando na modernización do seu alumeado público, completando a renovación daqueles tendidos que quedaran fóra das actuacións financiadas a través das subvencións do IDAE, que permitiron modernizar preto do 99 % do alumeado municipal. Nesta fase final incorporáronse os núcleos de Campo da Feira, na Cañiza; As Laxas, en Petán; Gorgullón, en Valeixe; e Poulo, na parroquia do Couto.
Estas actuacións integráronse nun único proxecto denominado “Eficiencia enerxética na luz pública e redución da contaminación lumínica e protección dos ceos nocturnos”, cun investimento total de 91.197,70 euros.
O proxecto foi financiado maioritariamente a través da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia para o ano 2025, que achegou 79.391,48 euros, mentres que o Concello completou o financiamento co 12,94 % restante, un total de 11.806,22 euros, con fondos propios.
A actuación foi adxudicada á empresa Construelectric Systems Galicia, S.L. e supuxo unha renovación integral das instalacións de iluminación nestes núcleos.
Os traballos consistiron principalmente na substitución das antigas luminarias de vapor de sodio por novas luminarias LED de alta eficiencia, así como na renovación de cadros eléctricos, cableado e outros elementos auxiliares. Estas melloras incrementan a seguridade das instalacións, optimizan o seu rendemento e permiten un control máis preciso da emisión luminosa.
As novas luminarias contribúen ademais á redución da contaminación lumínica e á protección do ceo nocturno, especialmente relevante nas zonas rurais. Grazas a esta intervención, estímase unha redución do consumo eléctrico de arredor do 67 %, o que supón un importante aforro económico para o Concello e unha diminución significativa das emisións de CO₂.
Durante a visita, o alcalde destacou “a importancia de investir en infraestruturas eficientes que melloren a calidade de vida da veciñanza, optimicen os recursos municipais e respecten o medio ambiente”.
Con esta actuación, o Concello reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade ambiental, rematando ademais a modernización do alumeado público municipal.