O Alcalde valora positivamente o primeiro ano de colaboración co tour operador internacional Enjoy Travel Group

  • Dende o Concello facemos balance tras doce meses de promoción xunto aos Concellos da comarca.
  • A colaboración, iniciada en FITUR 2025, consolídase como ferramenta de proxección internacional do territorio.

Cando se cumpre un ano desta colaboración que comezou o pasado 24 de xaneiro de 2025 na Feria Internacional de Turismo (FITUR), dende a Alcaldía valórase en positivo o traballo desenvolvido co tour operador internacional Enjoy Travel Group para a promoción dos activos culturais e turísticos do municipio.

Esta colaboración, na que tamén participan os Concellos da comarca, permitiu integrar a oferta turística do territorio dentro dos catálogos e canles de comercialización internacional da operadora, cunha presenza destacada en mercados europeos e americanos.

Ao longo deste primeiro ano, numerosos establecementos turísticos da Cañiza, especialmente a Finca Briabí e o activo relixioso e histórico do Santuario da Franqueira, recibiron visitantes a través dos paquetes e circuítos comercializados pola operadora, o que supuxo un impacto directo na economía local e na dinamización do sector.

Segundo destacou o Alcalde:

“Ao longo deste primeiro ano conseguimos situar A Cañiza dentro de paquetes turísticos estruturados e circuítos internacionais, dando visibilidade ás nosas paisaxes, á nosa gastronomía e ao noso patrimonio cultural”.

Durante este período, a promoción conxunta permitiu reforzar elementos estratéxicos como:

  • A posta en valor das paisaxes e recursos naturais.
  • A promoción da gastronomía local como sinal de identidade.
  • A proximidade a Ourense e a conectividade con Madrid a través do AVE Ourense–Madrid.
  • As comunicacións transfronteirizas con Portugal.
  • A integración da oferta local en itinerarios vinculados ao Camiño de Santiago.

Luis Piña sinalou ademais que “Este primeiro ano serviu para abrir novas oportunidades de colaboración público-privada e consolidar unha estratexia de promoción exterior que reforza a posición da Cañiza como destino complementario dentro de Galicia”.

Enjoy Travel Group conta cun equipo de profesionais con máis de 20 anos de experiencia na industria turística e oficinas de representación en máis de once países de América, Caribe e Europa, o que facilita a proxección internacional dos destinos cos que traballa.

O Concello reafirma así a súa aposta por continuar fortalecendo esta liña de colaboración durante 2026, ampliando accións promocionais e explorando novos mercados emisores.