O Alcalde visita ao alumnado do Itinerario de Especialización Loxística 360º no seu último día de formación
Luis Piña visitou este 19 de novembro ao alumnado do Itinerario de Especialización Loxística 360º, acompañado pola orientadora laboral municipal, coincidindo co último día de formación deste programa, que comezou o pasado 29 de setembro e que foi completado por un total de 17 alumnos.
Durante a visita, o Alcalde interesouse pola evolución e a experiencia dos participantes, que finalizaron as 180 horas de formación especializada en almacén, reposición e loxística.
Luis Piña aproveitou o encontro para agradecer ao profesorado o seu traballo e implicación no desenvolvemento do curso, así como para felicitar aos alumnos pola súa participación e compromiso ao longo de todo o itinerario.
Esta iniciativa formativa, enmarcada no Programa Talento 45+, está financiada polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) do Goberno de España e cofinanciada pola Cámara de Comercio. Está dirixida a persoas desempregadas de entre 45 e 60 anos e ten como obxectivo mellorar a súa cualificación profesional e ampliar as súas oportunidades de incorporación ao mercado laboral.
O programa, cunha duración total de 180 horas, estruturouse en dous bloques formativos:
-
Auxiliar de Reposición e Venda en Gran Superficie (60 horas): con formación en reposición de produtos, colocación de mercadorías, xestión de existencias e albarás; manipulación de alimentos, sistemas APPCC, boas prácticas hixiénicas e alérxenos; técnicas de venda, animación do punto de venda, manexo de caixa e TPV, así como atención ao cliente e xestión de queixas e incidencias.
-
Auxiliar de Almacén (120 horas): abrangue a organización e xestión de almacéns, fluxo de mercadorías, etiquetaxe, documentación e sistemas de picking. Inclúe tamén 60 horas de formación en prevención de riscos laborais, abordando cuestións como seguridade e saúde, riscos xerais e específicos, plans de emerxencia e primeiros auxilios, ademais de 30 horas dedicadas á maquinaria de almacén, con formación teórica e práctica no manexo de carretillas elevadoras, apiladores eléctricos e transpaletas eléctricas.
A formación desenvolveuse principalmente nas instalacións do Edificio Multiusos da Caniza, cun total de 164 horas de formación teórica e 16 horas de prácticas de maquinaria, realizadas en dúas xornadas nas instalacións habilitadas no Municipio.
Noraboa a todos os participantes!